Resposta educativa para alumnado con necesidades especiais

De Manuais Informática - IES San Clemente.
Ir a la navegación Ir a la búsqueda


Glosario

  • ANEE: Alumnado con necesidades educativas especiais.
  • NEE: Necesidades educativas especiais.
  • TEA: Trastorno do espectro autista.
  • TDAH: Trastorno de déficit de atención con hiperactividade.
  • TEL: Trastorno específico da linguaxe.
  • DI: Discapacidade Intelectual.
  • CI: Coeficiente Intelectual.

Introdución

A presenza nas aulas de alumnado con discapacidade supuxo un paso imprescindible cara a inclusión, pero hai que seguir traballando para eliminar aqueles obstáculos que aínda impiden a inclusión real e efectiva na sociedade.

É necesario considerar a diversidade non como un problema, senón como unha realidade cuxo coñecemento enriquece a aprendizaxe. Así desenvolveremos unha escola que, ademais de traballar en aspectos académicos, introducirá unha cultura baseada no fomento de actitudes e valores baseados na solidariedade, tolerancia, empatía e respecto aos diferentes; unha escola que sensibilice e ensine a mirar dunha nova forma ás persoas con necesidades especiais.

A finalidade desta guía é asesorar o profesorado nesta difícil tarefa para a que, por outra parte, raramente recibiu formación específica.

Centrarémonos nun conxunto concreto de dificultades: trastornos do espectro autista (en adiante, TEA) e diversidade funcional.

Moitas persoas con discapacidade enfróntanse diariamente coas barreiras da incomprensión e a falta de información, tanto da poboación en xeral como da comunidade de profesionais que as atenden. As peculiaridades das persoas con TEA e a falta de información xeralizada fai aínda máis relevante a existencia destas barreiras.

Falando de Formación Profesional, temos que ser conscientes de que as persoas con TEA poden contribuír de xeito significativo á súa comunidade no ámbito laboral, cando o emprego se axusta ben ás súas capacidades e necesidades. Para isto deben estar cualificadas, preparadas e contar cos apoios necesarios.

Definicións

Tentaremos definir de maneira sinxela os seguintes conceptos, para docentes non especializados:

Trastorno do Espectro Autista (TEA)

"Non existe algo chamado "Conduta autista", e polo tanto, non hai nada que as persoas con autismo fagan que o resto das persoas non fariamos, polo menos se estivésemos baixo condicións de estrés similares. Polo tanto, o primeiro paso e o máis importante consiste en reducir os niveis de estrés", (Rita Jordan, 2012).

O TEA supón unha percepción do mundo dunha forma diferente.

Son características xerais:

  • Dificultades na comunicación (linguaxe e/ou xestual) no seu uso social (conversa) e nas relacións sociais.
  • As relacións sociais e as interaccións con outras persoas non son as adecuadas.
  • Unha grande cantidade quere relacionarse pero non é capaz, xa que lles resulta moi difícil. Sofren por estar en "soidade non elixida".
  • Con frecuencia, resúltalles complicado o traballo en equipo. Non perciben o contexto das situacións.
  • Moitas persoas manifestan rixidez de mente e comportamento. Ven o mundo en termos extremos, de branco ou negro, de 0 ou 100, cústalles entender termos intermedios.

"As persoas con autismo, debido sobre todo á neuroloxía subxacente (a maneira en que funciona o cableado do cerebro), son extraordinariamente vulnerables aos problemas emocionais e fisiolóxicos cotiáns, polo que experimentan máis sensacións de inquedanza, ansiedade e confusión que outras persoas. Tamén ten unha dificultade para poder xestionar estes problemas e sensacións. Para ser claro: a dificultade para manterse ben regulado fisiolóxica e emocionalmente debería considerarse a característica principal que define o autismo", (Prizant, 2018)

Na actualidade a categoría TEA, inclúe antigos subtipos como a Síndrome de Asperxer, que pasa a denominarse "TEA de nivel 1".

Disfunción executiva

As funcións executivas son as habilidades cognitivas que permiten a anticipación e o establecemento de metas, a planificación e programación, o inicio de actividades e operacións mentais, a autorregulación das tarefas e a capacidade para levalas a cabo con eficacia.

Trastorno de déficit de atención con hiperactividade (TDAH)

  • Falta de atención e concentración.
  • Impulsividade. Actúan sen reflexión previa, e isto cáusalles problemas.
  • Necesitan moito exercicio físico. Existen pupitres e postos de para traballar de pé.
  • Non aprenden moito dos erros.
  • Disfunción executiva: non se organizan ben.

Trastorno específico da linguaxe (TEL)

Déficit na adquisición e desenvolvemento da linguaxe.

Diversidade Funcional

Cada membro da sociedade ten unhas determinadas capacidades que deben ser xestionadas de maneira que non se produzan exclusións ou discriminacións. Diversidade é un termo alternativo a discapacidade, que as persoas afectadas comenzaron a usar por considerar o último termo pexorativo.

Neurotípico

Persoa que non está no espectro autista.

Dificultades TEA

Algunhas das principais características, explicadas de forma esquemática e xeral:

Déficit na Teoría da Mente

  • Falta de capacidade para comprender e predicir a conduta doutras persoas.
  • Non entenden a ironía nin os dobres sentidos.
  • Dificultades para o recoñecemento de emocións, tons, xestos, posturas, etc.
  • Egocentrismo que leva a confundirse dende fóra co egoísmo.
  • Fainos moi vulnerables nas situacións sociais.

Coherencia Central Débil

  • Ven o mundo en detalles, sendo incapaces moitas veces de entender o significado global dunha imaxe.
  • Dificultade para distinguir o relevante do irrelevante.
  • Dificultade para saber cal é a "idea principal".
  • Dificultade para xeneralizar.
  • Dificultade para realizar tarefas que levan unha orde precisa e exacta dos pasos, se estes non se lle indican con anterioridade á realización das mesmas.

Déficit nas Funcións Executivas

  • Dificultades de anticipación.
  • A "primeira vez" senta precedente.
  • Dificultade para cambiar o foco de atención.
  • Carece de empatía.
  • Dificultade para expresar e incluso mostrar as súas emocións.

Protocolo de actuación

En xeral, moitas das persoas con TEA:

  • Altéranse con menor cantidade de problemas.
  • Contan con menos estratexias de afrontamento.
  • Existen moitos máis factores estresantes que lles afectan.
  • Non pillan as sutilezas, como o ton de voz utilizado, os xestos, etc.
  • Cánsanse máis que o resto, xa que están sometidos a situacións que para eles son máis estresantes.
  • Traballar en grupo é, per se, unha situación de estrés.

Partimos da idea de que tanto o alumnado con NEE como o profesorado e o resto da comunidade educativa, debemos esforzarnos e realizar cambios para mellorar o proceso de ensino e aprendizaxe. O alumnado ANEE aprendendo habilidades e os demais adaptando estilos de comunicación, actividades e con outras accións como as mostradas a continuación.

Discreción e confidencialidade

  • Nalgún caso, o alumnado con TEA e as súas familias prefiren non informar oficialmente acerca deste feito, polo que debemos respectalo.
  • Informen ou non, oficialmente ou non: na medida do posible, debemos tentar ser sutís coas nosas accións para non pór o foco no alumnado con necesidades educativas especiais.
  • Alén diso, calquera persoa que polo seu cargo na escola teña coñecemento da condición ou diagnóstico dun alumno ou alumna, está obrigada a gardar a súa confidencialidade. Só poderá comunicar esta información coa autorización expresa (preferentemente por escrito) da familia e do alumno ou alumna se é maior de idade.

Comportamento social

Todo o relacionado co social teñen que aprendelo por vía intelectual.

  • Hai que ensinarlles como deben comportarse en sociedade, as normas de actuación segundo o contexto no que se atopen.
  • Aínda que coñezan de memoria as pautas a seguir en cada unha das situacións nas que se van atopar ao longo do día, sempre hai imprevistos para os que non van responder da maneira esperada polos demais.
  • Se hai fobia social, intentar crear momentos nunha contorna tranquila para falar individualmente e que sintan que non están en soidade, que poden falar con nós se o necesitan:
    • Ter unha figura a quen acudir aporta seguridade.
    • Non se debe crear dependencia emocional coa persoa formadora.
    • O contacto visual e falar en persoa é posible que lles cree nerviosismo e iso non lles permita entender o que lles dicimos.
    • Ás veces comunícanse mellor por correo electrónico que en persoa, sobre todo se hai contacto visual.
    • Axuda que estean realizando outra tarefa mentres falamos en persoa.
  • Necesidade de prevención e protección fronte ás burlas e ao bullying.

Frustración

  • O limiar para a frustración xeralmente é máis baixo ca nos neurotípicos.
  • Poden ter a autoestima moi baixa. Debemos axudarlles a aumentala.
  • Sempre que xurda un problema debemos preguntar o motivo. Por exemplo, se chega tarde preguntar cal é o motivo.
  • Se identifican unha inxustiza, temos que intervir e resolver o problema, non podemos deixalo pasar.

Xestión do tempo

  • Podemos permitirlles máis tempo de exame. Ou deixar máis tempo para todo o grupo de maneira que non poñamos en evidencia o alumnado con esta necesidade.
  • Nos traballos a longo prazo, convén dar instrucións intermedias concretas.
  • Corren o risco de esgotarse, xa que están procesando moita máis información ca un neurotípico. Se o precisan, temos que darlles máis tempo de descanso para evitar un mal maior: que non cheguen a realizar todas as tarefas que se lle piden.

Crise de ansiedade

Son máis vulnerables a ter unha crise de ansiedade. Hai que intentar evitar que se produzan estas situacións:

  • Permitirlles saír da aula a relaxarse cando o necesiten. Se non queremos que o resto do alumnado o saiba, podemos pedirlles por exemplo que vaian á conserxería a por folios ou tarefas similares.
  • Alternar o traballo en grupo, que resulta esgotador para este alumnado, con tarefas individuais.

Se se chega á crise de ansiedade:

  • Non debemos acercarnos fisicamente nin establecer contacto visual, tampouco discutir o tema (nese momento, falar é ruído).
  • Debemos tranquilizar o alumno ou alumna dicíndolle "xa, non pasa nada, calma" e deixando que se relaxe.

Proceso de ensino/aprendizaxe

Apoio visual
  • Dicir claramente cal é a idea principal da explicación. En moitos casos, ao ANEE cústalles extraela.
  • Se as instrucións son verbais, é preciso reducir a linguaxe para reducir a dependencia do/da docente, por exemplo: "1º paso, tal cousa; 2º paso, tal outra; 3º paso: avisa ao profe". É importante saber que desvían a mirada para concentrarse no que lles dicimos oralmente.
  • Creación de slogans para aprender accións, por exemplo: "executo o comando, o comando responde".
  • Este tipo de alumnado recibe moitísimo mellor a información visual cá oral. Polo tanto, é importante que dispoñan de apuntamentos escritos, esquemas, imaxes, gráficos (ver ilustración) ou calquera outro apoio visual que se considere adecuado.
  • Dispoñer do material de forma escrita tamén lles aporta seguridade, xa que así saben que teñen a información correcta.
  • Elaborar esquemas ou guións detallados con todos os pasos a seguir para realizar os exercicios, incluíndo tamén información que poida parecer obvia. Por exemplo: Primeiro le o enunciado, segundo anota os datos, terceiro...
  • Formar nós os grupos para traballo en equipo e indicar con detalle as normas do traballo de cada grupo.
  • Necesitan que se lles informe da organización do traballo. Precisan un horario e unhas ocupacións, senón poden descontrolarse.
  • Para ter claro que entenderon o que se lles explica, podemos pedirlles que o expliquen eles, con coidado e discreción, sen necesidade de que sexa ao grupo. Temos que buscar estratexias para que nolo expliquen a nós e para aumentar a súa autoestima.
  • Conseguir que perdan o medo ao erro, que se habitúen a probar e a enganarse. Temos que transmitirlles que non pasa nada.

Exames

O ANEE habitualmente obtén resultados nos exames por debaixo do seu nivel de coñecementos real. Hai moitos motivos polos que isto sucede:

  • O estrés, poden incluso perder a capacidade de falar. A primeira hora teñen menos cansazo. Ás veces nin sequera conseguiron durmir a noite anterior pola ansiedade.
  • Dificultade para comprender os enunciados. Por exemplo, un enunciado que diga: "Sinala as faltas de ortografía da seguinte frase", poden entender que deben sinalar co dedo e non escribir nada.
  • Cústalles moito resolver correctamente os problemas de matemáticas, pois teñen dificultade para:
    • discernir o importante do que non o é,
    • inferir información a partir do enunciado,
    • organizar as operacións a realizar (disfunción executiva).

Consellos para realizar exames (alumnado TEA e TDAH):

  • Para non poñer o foco no ANEE, facer o mesmo enunciado para todos e darlles "máis tempo" a todos. Non facer exames a contra reloxo.
  • Facer as preguntas seguindo a mesma orde que viron en clase.
  • Crear enunciados esquemáticos, con frases curtas e vocabulario sinxelo.
  • Alternar preguntas de relacionar, tipo test de V/F ou de completar.
  • Destacar en negrita a parte máis importante de cada cuestión ou as palabras chave. Pode utilizarse un exemplo de resposta ou apoio visual.
  • Non mesturar varias linguas nos enunciados.
  • Pasar por onde está o alumnado e ver como vai. Preguntarlle se entende o enunciado.
  • Se deixou algún exercicio totalmente en branco, preguntarlle por que.
  • Revisar co alumnado o exame corrixido para ver por que fallou.
  • Ás veces axuda que poidan levar o exame a casa para que o analicen coa familia e o terapeuta.

Figuras de referencia

É importante establecer unha ou máis figuras de referencia no IES, na empresa (FCT e Erasmus+) e nos outros centros educativos (Erasmus+).

  • A figura de referencia debe presentarse persoalmente.
  • Crear unha relación positiva: usar os seus intereses para aumentar a motivación e enfocalos á aprendizaxe que queremos que adquiran.
  • Debe ser predicible.
  • Ten que vixiar o seu estado emocional.
  • Fomentará reunións formais e informais.
  • Debe evitar infantilizar nin tratar de maneira que lles faga sentirse incómodos. Por exemplo, se lles queremos poñer normas, presentalas de forma xeral, non para esa parte do alumnado.
  • Procurar non rirnos dos seus erros. Tamén podemos disfrazalos ou disimulalos para que ninguén poña o foco neles.

Sentido de pertenza

  • Crear estruturas que faciliten os lazos de unión co grupo. Por exemplo propoñer actividades do seu interese nas que tamén se anoten outras persoas do grupo.
  • Ofrecerlles "trucos" sociais (habilidades para relacionarse).
  • Dar oportunidades para que poidan sobresaír (imaxe social e autoestima).
  • Poder mostrarse como se é e conseguir a aceptación do grupo.
  • Fóra do centro escolar: como quedar, elixir compañeiros, contornos, etc.

Contorno amigable

Frecuentemente, teñen alteración na percepción sensorial nos oito sentidos (os cinco típicos e propriocepción, vestibular e interocepción).

Por exemplo, os ruídos que para unha persoa neurotípica son normais, poden resultar insoportables para alguén no espectro autista. Neste caso, unha medida para minimizar este problema, podería ser permitirlles chegar a clase cinco minutos despois do comezo da clase, para evitarlles a situación de ruído que hai cando soa o timbre e todo o alumnado entra nas aulas.

Outro caso é a hiperreactividade táctil: algúns roen cousas para reducir a tensión cando están estresados. Tamén poden precisar un pouco máis de espazo nos traballos en grupo ou noutra situación.

Podemos axudarlles así:

  • Creando un contorno físico comprensible.
    • Sinalización de espazos e percorrido (carteis, frechas, etc.)
    • Ofrecerlle "trucos" sociais (habilidades relacionarse).
    • Practicar ou asegurarnos de que coñeza os desprazamentos.
  • Creando un contorno amigable: contorno sensorialmente soportable.
    • Coidar o espazo físico: localización da súa aula, o seu lugar na clase (ventás, luz, ruídos, distraccións, etc.)
    • Permitir cousas que á persoa lle poida axudar (tapóns nos oídos, goma de mascar, guantes, gafas de sol, etc.)
    • Permitirlle descansos a nivel sensorial (traballo en solitario, poder saír ao baño, etc.)
    • Especial atención en acumulacións de xente, pavillóns, días especiais, etc.

Traballo en equipo

  • É importante que no traballo cooperativo se diferencien as distintas funcións.
  • Despois que se explicite ben que é o que vai ter que facer cada persoa, que se espera de cada membro.
  • Ás persoas no espectro tratarase de asignarlles a función que máis fácil lles resulte ou na que poidan recibir axuda máis facilmente, porque o seu verdadeiro traballo e o que lles requirirá maior esforzo será todo o conxunto de habilidades sociais que deberán aprender e ser capaces de poñer en práctica.

Na empresa

Aspectos xerais

Trátase de promover a empregabilidade do colectivo de persoas con TEA, o cal mellora a súa calidade de vida e a súa felicidade. O primeiro contacto co mundo laboral vai ser, para a maioría, o módulo da FCT (Formación en Centros de Traballo). No noso centro, poden realizar as súas prácticas en empresas galegas (FCT) e estranxeiras a través de Erasmus+ KA1 (extra curriculares, desde 1º ano, e FCT).

Para que sexa unha experiencia satisfactoria, a persoa con TEA debe participar activa e responsablemente no seu propio programa de emprego, incluída a realización de eleccións, prácticas e realistas, sobre a selección dos seus obxectivos laborais e dos apoios que reciba. Se está motivada para traballar, calquera persoa con TEA é susceptible de ser empregada.

Existen postos de traballo que unha persoa con TEA con importantes necesidades de apoio, pero coas cualidades necesarias, é capaz de desempeñar ao mesmo nivel que unha persoa sen discapacidade. A dificultade estriba en atopar eses postos.

Algúns dos principais factores de éxito laboral son o coidadoso emparellamento persoa-posto e as posibilidades de introducir as necesarias adaptacións e flexibilizacións en distintos ámbitos: horarios e xornadas, adaptación de espazos de traballo, estruturación das actividades e tempos, adaptación dos programas de formación, tipos de relación laboral, deseño de postos de traballo, etc.

Na maioría dos casos, contar con sistemas de apoio especializados e individualizados é moi útil para deseñar un entorno de traballo accesible e axustado ás necesidades e capacidades da persoa, o que facilita a súa inclusión na empresa.

Outro elemento clave do éxito da inclusión laboral é a realización dunha análise adecuada do posto de traballo, de forma que responda ás capacidades, coñecementos e competencias da persoa. Tamén é imprescindible determinar cales son os apoios e adaptacións que a persoa necesita, así como os axustes que é necesario realizar unha vez que se incorpore ao posto.

En xeral, resulta positivo que a empresa e as persoas que traballan nela coñezan características xerais dos TEA, e de maneira especial, como estas se manifestan e afectan ao seu compañeiro ou compañeira, de forma que saiban como realizar apoios de forma máis eficaz. Isto facilita a convivencia e a colaboración no equipo de traballo, contribuíndo a que non se xeren malos entendidos e favorece a posibilidade de contar cos apoios necesarios.

Hai varias accións que se poden levar a cabo para facilitar o traballo dunha persoa TEA, por exemplo:

  • Accesibilidade cognitiva: carteis con pictogramas ou outros símbolos que indiquen que é cada espazo e por onde se vai a cada sitio.
  • Deseñar un plan para explicarlle como debe actuar, onde colocarse, cales son as normas e as excepcións, prestando especial atención aos lugares pouco frecuentados como unha biblioteca, un laboratorio, a cafetaría, etc.
  • Pedir que explique o que ten que facer a outro/a colega, para comprobar desa forma se entendeu en que consiste a súa tarefa.
Apoio visual relacionado coa FCT

Recoméndase que para a execución das tarefas por parte dunha persoa con TEA, esta poida dispoñer de recursos, como apoios visuais (pictogramas, calendarios, listados de tarefas...) ou ferramentas tecnolóxicas que faciliten o seu desempeño laboral.

Neste eido podemos centrarnos en varios aspectos de referencia.

Pautas de Comportamento

É importante indicarlle todas as pautas de comportamento, aínda que nos parezan obvias, mais dunha maneira despersonalizada e global para non pór o foco nel/nela:

  • Horario.
  • Onde debe sentarse.
  • A quen lle pode pedir axuda (designar unha figura de referencia, que sexa o máis empática posible).
  • Como debe pedir axuda. Por exemplo, poñer na súa mesa un Post-it vermello cando necesita axuda e un Post-it verde se acabou o seu traballo.
  • Que debe facer cando acabou de facer as tarefas que se lle encargaron:
    • Pedir máis traballo, por exemplo, usando un Post-it azul.
    • Poñer o Post-it verde sobre a mesa para indicar que xa finalizou a tarefa e comenzar con outro traballo.

Hai empresas enfocadas a aproveitar as especiais características das persoas do espectro, por exemplo: Specialisterne

Reunións de Control

Pódense establecer reunións periódicas en fases de "aclimatación" para a normalización da actividade na empresa. Nestas reunións determinaremos aspectos coma:

  • Se o contexto de traballo é amigable.
  • Se dispón de todo o necesario.
  • Se hai factores "estraños".
  • Se podemos cambiar algo para que estea máis a gusto.

Con todo isto poderemos detectar carencias e ver o xeito de adaptar o contorno ás necesidades do alumno/a, reforzando aspectos coma o traballo en grupo, a pertenza e aceptación nun contorno amigable, axudando tamén a que se poidan establecer figuras de referencia que axuden no proceso de adaptación.

Aprendizaxe de linguas estranxeiras (PluriFP)

Vantaxes

É posible atopar resistencia ao aprendizaxe de linguas estranxeiras (LE) en persoas adultas (pais, nais e mesmo en parte do profesorado), moitas veces por causa de experiencias persoais negativas ou por nunca ter tido a necesidade de utilizalas no día a día. Moitos estudantes con TEA non aprenderon LE na escola antes de chegar á FP, porque tradicionalmente o ensino está máis orientado a aprobar os exames que á aprendizaxe vivencial.

Os estudos demostran que o alumnado bilingüe ten mellor desenvolvida a función executiva e as habilidades comunicativas e sociais. En resumo, convén ter claras as vantaxes da aprendizaxe de LE para estudantes TEA, para poder transmitirllas ás persoas remisas:

  • Desenvolver habilidades de comunicación relacionadas coa vida diaria, noutra cultura e noutra lingua.
  • Aprender habilidades de conversa como volume, ritmo e entoación.
  • Aprender habilidades lingüísticas como estruturar as frases e usar o vocabulario con corrección (no contexto de PluriFP, inclúe vocabulario técnico específico).
  • Ter a oportunidade de discutir e explorar esas mesmas habilidades na lingua materna.


Para que estas vantaxes se concreten, é fundamental que as clases sexan dinámicas e interesantes, o que se consigue claramente no contexto CLIL (impartir unha disciplina técnica en LE), e tamén relacionalas dalgunha maneira coas áreas de interese do alumnado TEA. Por exemplo:

  • Se lle gustan os dinosauros, no módulo de Aplicacións Web construír un website sobre dinosauros e as súas características, en LE.
  • En Aplicacións Ofimáticas crear Bases de Datos con información dos seus grupos musicais favoritos.
  • En FOL, un xogo de rol simulando unha entrevista de traballo.
  • En todos os casos, lembrarse de utilizar un apoio visual, tamén para acompañar os recursos en LE.

Consellos xerais

O alumnado do espectro autista pode presentar dificultades no uso da lingua materna, pero isto non impide que a aprendizaxe dunha lingua estranxeira sexa tamén beneficiosa, xa que o feito de ter que explicar de xeito especifico aspectos culturais dos países nos que se fala esa lingua, axuda a que o alumnado poida comparar as convencións sociais ou os trazos culturais cos da súa propia cultura e lingua. Isto dálles a oportunidade de reflexionar e obter unha maior compresión da súa contorna. Ademais, axudaralles no proceso de socialización. Cústalles entender os modismos ou expresións, tamén na lingua propia. Por outra parte, en xeral, teñen boas cualidades para memorizar e aplicar as normas gramaticais, e haberá que aproveitar estas cualidades.

Ademais, trátase de alumnado adulto, o cal implica que o autismo vén acompañado doutros problemas como TDAH, trastorno de ansiedade, trastorno do sono, depresión, vergoña, TEL, traumas por acoso escolar, etc. Ás veces, as familias prefiren ocultar o diagnóstico, pola súa historia de vida, que deriva en medos. A realidade é que, se non hai especialistas suficientes para crianzas, no caso dos adultos aínda é peor.

Algúns consellos a ter en conta:

  • Organizar as clases, a ser posible establecendo unha rutina.
  • Se é posible, pasarlle os apuntamentos ao estudante no espectro antes da clase, para que saiba que tarefas se van realizar.
  • Sentar a este alumnado ao lado doutro que teña un bo nivel e poida axudalo.
  • Permitirlle levantarse e saír se o necesita.
  • Darlle o tempo que necesita antes de requirirlle os resultados.
  • Prestar especial atención ás tarefas de grupo, seguindo os consellos que se detallan máis arriba nesta guía.
  • Falar co alumnado previamente, para que expoña as principais dificultades que atopa nas clases e buscar solucións que lle permitan participar como unha persoa máis sen poñerse en evidencia.
  • Supervisar que non haxa "bullying" e que o alumnado se integre no grupo.

Experiencias

Neste apartado vamos ir engadindo, a medida que se realicen, experiencias concretas de alumnado TEA en PluriFP. Redactámolas a propósito en primeira persoa, xa que cada docente vai expor o caso tal e cal o viviu:

Formación integral e CV

Na miña experiencia docente na FP, veño observando que ao longo da etapa educativa das persoas con TEA é fundamental que os docentes teñamos formación para que estes alumnos poidan acadar os obxectivos académicos co menor trauma posible.

É nesta etapa da FP onde se fai máis necesaria unha capacitación profesional baseada nunha formación integral, entendendo por integral aquela que facilita non só unha capacitación técnica nos estudos a desenvolver, senón tamén, nas competencias necesarias para as relacións sociais co fin afrontar a vida "laboral", e desenvolver un posto de traballo. As prácticas nas contornas laborais reais son fundamentais para acadar ditos obxectivos.

No que respecta ao aprendizaxe de LE penso que é importante sinalar que cando unha persoa con TEA opta a un posto de traballo e presenta o seu Curriculum Vitae este non se diferenza no seu formato doutros CVs e polo tanto o apartado de idiomas segue a ser hoxe en día un apartado diferenciador, polo tanto, por que imos privar as persoas con TEA desta vantaxe?

PluriFP e Erasmus+

Os ciclos Estrela PluriFP teñen un complemento ideal: as mobilidades de estudos e prácticas Erasmus+, ás que o alumnado pode acceder xa desde primeiro ano. Desta maneira poden practicar a LE aprendida no ciclo, noutro país, nun contorno de traballo ou estudo real, sendo unha experiencia que marca e un factor diferenciados no CV.

O noso centro enviou por primeira vez un alumno TEA en 2019 para realizar unhas prácticas extra curriculares no mes de xullo, mentres cursaba o primeiro ano. Explicámoslle ao titor da empresa as características do alumno, como se comportaba, que necesitaba e como tiñan que actuar con el. Aceptouno sabendo como era a situación e o resultado foi moi bo. Identificamos como factores do éxito:

  • Explicar claramente á empresa como é o alumno e como teñen que traballar con el.
  • O feito de que as tarefas fosen repetitivas. Iso axudou moito a que o alumno aprendese a realizalas correctamente.
  • O feito de que outro alumno do IES fixo o seu Erasmus+ na mesma empresa, no mesmo período, converténdose nunha figura de apoio.

Máis tarde o mesmo alumno TEA participou nunha mobilidade de estudos, xunto cun compañeiro de clase. O resultado tamén foi bo aínda que non fixo por relacionarse cos seus novos compañeiros e non se presentou (aínda) ao exame de certificación.

Exames de certificación de lingua estranxeira

A Consellaría de Educación, a día de hoxe, organiza e financia os exames de certificación de inglés dos ciclos PluriFP. No futuro debería facer o mesmo cos de portugués (desde hai anos é o IES quen axuda na organización e tamén no pagamento das taxas).

É moi importante que o alumnado certifique o seu nivel de LE, despois de seren preparados polo persoal do IES (profesorado de LE, de Informática, auxiliares de conversa e docentes externos). Isto supón unha vantaxe no CV, xunto co certificado por teren cursado un ciclo PluriFP e (se é o caso) co certificado por participaren en Erasmus+.

Os resultados das probas de "adestramento" e das oficiais publícanse en Novas de PluriFP.

A nosa experiencia con alumnado TEA dinos que alcanzan o mesmo nivel que os neurotípicos (uns máis, outros menos) e consiguen aprobar os exames de certificación correspondentes ao seu grao de coñecemento.

Flexibilización modular

O alumnado TEA ten dereito á flexibilización modular, que permite realizar o ciclo por módulos soltos, durante máis anos dos establecidos. Desa maneira podería, por exemplo, repetir primeiro ano máis dunha vez.

Recomendamos solicitar a flexibilización modular, coa axuda do departamento de Orientación, no segundo ano de matrícula.

  • Aconsellamos non facelo xa no primeiro ano para ver cal é a resposta do alumno. É posible que consiga avanzar sen a flexibilización e iso non se vai saber aos poucos meses de comezar o curso.
  • Para poder solicitala, é imprescindible que o alumnado TEA entregue un documento co diagnóstico.
  • O profesorado e o equipo de Orientación teñen que facer unha proposta concreta de reparto dos módulos nos seguintes anos e o alumno ten que asinar conforme acepta cursar os módulos desta maneira.

Protocolos publicados pola Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional

A Consellaría ten un conxunto de protocolos relativos a ANEE, entre eles o "Protocolo de Tratamento Educativo do Alumnado con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA)". Trátase dun documento xeral enfocado ao ensino obrigatorio.

A única referencia específica a ANEE en Formación Profesional é o Capítulo VI da Orde do 12 de xullo de 2011, sobre a flexibilización modular: posibilidade de cursar o ciclo en réxime ordinario, por módulos soltos, cunha temporalización distinta á establecida con carácter xeral.

Materias recomendados

Licenza

Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 4.0

Polo Grupo de Traballo "S1905082 PFPP S1931083 Edulingüe Estrela PluriFP. Metodoloxía e recursos CLIL en portugués e inglés para alumnado con NEAE" do IES San Clemente: Enrique Agrasar, Javier F. Peón, Cristina París, Eva Pereira, Cristina Seoane e Marcos Vence, a partir dunha obra de Marlene Horna, coordinadora da Unidade Ambulatoria da asociación BATA en Santiago de Compostela.

Outras fontes:

Continuación

2021/2022 Resposta educativa para alumnado TEA (2)