Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais

De Manuais Informática - IES San Clemente.
Ir a la navegación Ir a la búsqueda

Introdución ó CNCP

  • O Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais (CNCP) comprende as cualificacións profesionais mais significativas do sistema produtivo español.
Para identificar e actualizar as necesidades de cualificación, así como para a súa definición e a da formación requirida, establécense procedementos de colaboración e consulta cos diferentes sectores produtivos e cos interlocutores sociais, de acordo coas directrices establecidas dende a Unión Europea.


  • O CNCP constitúe a base para elaborar a oferta formativa dos títulos de formación profesional e dos certificados de profesionalidade, que terán carácter oficial e validez en todo o territorio nacional e serán expedidos polas Administracións competentes.
Permite integrar as ofertas formativas dos diferentes subsistemas de formación profesional, exercendo como referente para a avaliación e o recoñecemento das competencias adquiridas por vías informais ou non formais.


  • O CNCP inclúe o contido da formación profesional asociada a cada cualificación profesional, cunha estrutura de módulos formativos articulados no denominado Catálogo Modular de Formación Profesional.


  • O Instituto Nacional das Cualificacións (INCUAL), integrado no MEC, é o responsable de definir, elaborar e manter actualizado o CNCP e o correspondente Catálogo Modular de Formación Profesional.


Estrutura do CNCP

  • As 26 familias profesionais do CNCP atenden a criterios de afinidade da competencia profesional das ocupacións e postos de traballo detectados.
  • Os 5 niveis de cualificación profesional atenden á competencia profesional requirida polas actividades produtivas con arreglo a criterios de coñecementos, iniciativa, autonomía, responsabilidade e complexidade, entre outros, da actividade a desenvolver.


Familias profesionais

  • O SNCP contempla 26 familias profesionais fronte ás 22 do sistema actual (LOXSE).
  • 4 Familias profesionais novas:
  • Seguridade e medio ambiente.
  • Enerxía e auga.
  • Industrias extractivas.
  • Artes e artesanías.
  • A relación completa de familias profesionais é a seguinte:
  • Agraria.
  • Marítimo-Pesqueira.
  • Industrias Alimentarias.
  • Química.
  • Imaxe Persoal.
  • Sanidade.
  • Seguridade e Medio Ambiente.
  • Fabricación Mecánica.
  • Electricidade e Electrónica.
  • Enerxía e Auga.
  • Instalación e Mantemento.
  • Industrias Extractivas.
  • Transporte e Mantemento de Vehículos.
  • Edificación e Obra Civil.
  • Vidro e Cerámica.
  • Madeira, Moble e Corcho.
  • Téxtil, Confección e Pel.
  • Artes Gráficas.
  • Imaxe e Son.
  • Informática e Comunicacións.
  • Administración e Xestión.
  • Comercio e Marketing.
  • Servizos Socioculturais e á Comunidade.
  • Hostalaría e Turismo.
  • Actividades Físicas e Deportivas.
  • Artes e Artesanías.

Niveis de cualificación

As Cualificacións Profesionais que integran o CNCP ordénanse por 5 Niveis de Cualificación Profesional, estes 5 niveis atenden á Competencia Profesional requirida polas actividades produtivas con arreglo a criterios de coñecementos, iniciativa, autonomía, responsabilidade e complexidade, entre outros, da actividade a desenvolver.

Vexamos estes 5 Niveis de Cualificación:

  • Nivel 1:
  • Competencia nun conxunto reducido de actividades de traballo relativamente simples correspondentes a procesos normalizados, sendo os coñecementos teóricos e as capacidades prácticas a aplicar limitados.
  • Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI) previstos na LOE.
  • Nivel 2:
  • Competencia nun conxunto de actividades profesionais ben determinadas coa capacidade de utilizar os instrumentos e técnicas propias, aplicable principalmente a un traballo de execución que pode ser autónomo no límite de ditas técnicas. Require coñecemento dos fundamentos técnicos e científicos da actividade e capacidades de comprensión e aplicación do proceso.
  • Ciclos formativos de grao medio.
  • Nivel 3:
  • Competencia nun conxunto de actividades profesionais que requiren o dominio de diversas técnicas e pode ser executado de forma autónoma. Comporta responsabilidade de coordinación e supervisión do traballo técnico e especializado. Esixe a comprensión dos fundamentos técnicos e científicos das actividades e a avaliación dos factores do proceso e das súas repercusións económicas.
  • Ciclos formativos de grao superior.
  • Nivel 4:
  • Competencia nun amplo conxunto de actividades profesionais complexas realizadas nunha gran variedade de contextos que requiran conxugar variables de tipo técnico, científico, económico ou organizativo para planificar accións, definir ou desenvolver proxectos, produtos ou servizos.
  • Títulos universitarios de grao (Bolonia).
  • Nivel 5:
  • Competencia nun amplo conxunto de actividades profesionais de gran complexidade realizadas en diversos contextos, a miúdo impredicibles, que impliquen planificar accións ou idear produtos, procesos ou servizos. Requiren gran autonomía persoal. Responsabilidade na asignación de recursos, na análise, diagnose, deseño, planificación, execución e avaliación.
  • Master, Posgraos.

Cualificacións Profesionais

Definición de Cualificación Profesional

Unha cualificación profesional pode definirse como o conxunto de competencias profesionais (coñecementos e capacidades) con significación para o emprego.

  • Un traballador está cualificado cando no seu desempeño laboral obtén os resultados esperados, cos recursos e o nivel de calidade debido.

As competencias poden ser adquiridas mediante aprendizaxes:

  • Formais (oferta modular).
  • Non formais.
  • Informais.
  • Experiencia profesional.

O CNCP incorpora tanto as competencias técnicas (as específicas desa cualificación e as transversais a outras) como tamén as competencias clave.

  • As competencias clave son aquelas que, permiten aos individuos adaptarse a contornos laborais cambiantes: permiten obter bos resultados durante a actividade profesional en diferentes dominios ou contextos sociais. Constitúen pois a clave para a flexibilidade profesional ou funcional dos traballadores ao posibilitar a súa mobilidade, dentro do mesmo campo ocupacional o dun campo a outro.
  • As competencias clave non están ligadas a disciplinas ou campos de coñecemento concretos, pero resultan imprescindibles para a inserción laboral.

Datos de identificación dunha Cualificación Profesional

Os Datos que identifican unha Cualificación Profesional son os seguintes:

  • Denominación.
Relaciónase coa función principal e é recoñecible no sector. Non indica categoría profesional.
  • Nivel.
Indicar un dos 5 niveis existentes.
  • Competencia xeral.
Breve descrición dos cometidos e funcións esenciais deste profesional.
  • Entorno profesional.
Tipo de organizacións, áreas ou servizos dentro da organización. Sectores produtivos, ocupacións postos de traballo relevantes.

Estrutura dunha Cualificación Profesional

A estrutura componse de tres partes principais:

  • Os Datos de Identificación.
  • As Unidades de Competencia pertencentes a esa Cualificación Profesional.
  • A Formación Asociada a cada Unidade de Competencia, pois, a cada Unidade de Competencia correspóndelle un Módulo Formativo.

Esta estrutura permite avaliar e acreditar ao traballador cada unha das súas Unidades de Competencia (obtidas mediante formación ou na práctica laboral). Deste xeito, pode acumulalas ata conseguir a acreditación da cualificación completa mediante un Título de Formación Profesional ou un Certificado de Profesionalidade.

A Unidade de Competencia convírtese na moeda de cambio entre os diferentes subsistemas de formación profesional. Así pois, calquera persoa que teña acreditada unha unidade de competencia, con independencia da vía pola que se logrou tal acreditación, terá automaticamente validados aqueles módulos profesionais do ciclo formativo que estean asociadas a esa UC.

A Unidade de Competencia (UC)

Definición da Unidade de Competencia

  • Cada Cualificación Profesional organízanse en unidades de competencia (UC).
  • A Unidade de Competencia é o agregado mínimo de competencias profesionais, susceptible de recoñecemento e acreditación parcial.
  • Cada UC ten asociado un Módulo Formativo, onde se describe a formación necesaria para garantir a súa adquisición.

Estrutura da Unidade de Competencia. Realizacións profesionais e criterios de realización.

  • Cada Unidade de Competencia ten un formato normalizado que inclúe os Datos de Identificación (denominación, nivel, código alfanumérico) e as especificacións desa competencia.
  • As Realizacións Profesionais describen os comportamentos esperados da persoa, de forma obxectiva polas consecuencias ou resultados do traballo que realiza, para poder considerala competente nesa unidade.
  • Os Criterios de Realización expresan o nivel aceptable da realización profesional para satisfacer os obxectivos das organizacións produtivas e, polo tanto, constitúen unha guía para a avaliación da competencia profesional.
  • O Contexto Profesional define, con carácter orientador, os medios de produción, produtos e resultados do traballo, información empregada ou xerada e cantos elementos similares se consideren necesarios para enmarcar a Realización Profesional.

O Módulo Formativo. Capacidades e Criterios de Avaliación

Cada Unidade de Competencia ten asociado un Módulo Formativo, no que se describe a formación necesaria para adquirir esa unidade de competencia.

Os Módulos Formativos exprésanse por medio de:

  • As Capacidades, que son a expresión dos resultados esperados das persoas en situación de aprendizaxe ao finalizar o Módulo Formativo.
  • Os Criterios de avaliación, que son o conxunto de precisións para cada capacidade que indican o grao de concreción aceptable da mesma. Delimitan o alcance e nivel da capacidade e o contexto no que va¡ a ser avaliada.
  • Os contidos formativos necesarios para adquirir as Competencias ás que fai referencia a UC.
  • Os requisitos básicos do contexto formativo.
  • Ademais, para cada cualificación identificanse, de ser o caso, aquelas Capacidades nas que para a súa adquisición sexa necesario completar a formación nun entorno real de traballo.

O conxunto de Módulos Formativos asociado ao CNCP constitúe o Catálogo Modular de Formación Profesional.

O Módulo Profesional

Estrutura dos Módulos Profesionais

De acordo co artigo 14° do Real decreto 1538/2006, o esquema de traballo adoptado polo MEC para a elaboración dos títulos establece que os Módulos Profesionais (é dicir, aqueles incluídos nos títulos de formación profesional), responderán á seguinte estrutura:

1.- Os módulos profesionais incluirán as especificacións da formación recollidas nos correspondentes Módulos Formativos do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais relacionadas coas Competencias Profesionais que se pretende desenvolver a través do Módulo Profesional.

2.- A norma por que se estableza un Título de Formación Profesional especificará para cada Módulo Profesional:

a) Denominación e código.
b) Os obxectivos expresados en Resultados de Aprendizaxe.
c) Criterios de avaliación.
d) Contidos básicos do currículo, descritos de forma integrada en termos de procedementos, conceptos e actitudes.
e) Orientacións pedagóxicas.
f) Duración en horas do módulo profesional na modalidade presencial e a equivalencia en créditos nos ciclos formativos de grao superior para facilitar a súa validación con estudos universitarios.
g) Condicións mínimas de espazos, equipamentos e profesorado.

Relación entre os Módulos Formativos (MF) asociados ás UC do CNCP e os Módulos Profesionais (MP) dos Títulos de Formación Profesional

Segundo o apartado c) do artigo 7° do Real decreto 1538/2006, os Títulos incluirán alomenos unha Cualificación Profesional completa.

Non convén confundir o Módulo Formativo asociado a unha UC co Módulo Profesional dun Ciclo Formativo.

Existe unha relación unívoca (de un a un) entre UC e MF. Non obstante, unha UC pode dar lugar a máis dun Módulo Profesional (MP), e un Módulo Profesional pode a súa vez estar asociado a dúas ou máis UC. Esto obedece a varias razóns:

  • Razóns metodolóxicas e didácticas: fan conveniente a división en módulos de menor duración e contidos máis acotados.
  • FCT: Os módulos formativos inclúen capacidades que se deben alcanzar ou completar nun entorno real de traballo. Nos títulos incorpórase como un módulo profesional mais. Non tería sentido facer unha FCT separada por cada módulo, senón de forma integrada.
  • Dado que os títulos inclúen unha cualificación completa como mínimo e outras UC doutras cualificacións, pode suceder que se repetisen contidos e capacidades nos módulos formativos asociados.

De feito, frecuentemente acontece que capacidades idénticas en distintos módulos formativos operan sobre os mesmos procesos ou incluso capacidades similares en distintos módulos formativos, que operan sobre procesos distintos, coinciden nas técnicas, métodos de traballo, requirimentos de calidade e seguridade.

Ademais, esto permite aumentar a transversalidade e permeabilidade entre diferentes títulos así como incorporar as áreas prioritarias ás que se fa¡ referencia no RD 1538/2006, ou incorporar o espírito emprendedor.

Relación entre Unidades de Competencia e Módulos Formativos

  • As Realizacións Profesionais (RP) constitúen o primeiro referente: serven de base para definir as capacidades dos módulos formativos.
  • Os Criterios de Realización (CR) das RP constitúen o referente para a elaboración dos criterios de avaliación (CA) dos módulos formativos.

Paralelismo na relación entre Módulos Formativos e Módulos Profesionais

Existe un certo paralelismo en base a:

  • As Capacidades dos Módulos Formativos serven de referente para a elaboración dos resultados de aprendizaxe.
  • Os Criterios de Avaliación dos Módulos Formativos constitúen o referente para os Criterios de Avaliación dos Módulos Profesionais.

Non obstante, os Resultados de Aprendizaxe obtéñense a partir do perfil profesional e a competencia xeral do título e tomando como referencia as capacidades dos módulos formativos (e polo tanto das RP das UC), pero isto non quere dicir que exista unha relación de un a un entre capacidades de MF e resultados de aprendizaxe de MP, xa que nos títulos de formación profesional pode incluírse formación soporte non asociada a ningunha unidade de competencia do catálogo.