Conceptos básicos para instalar Linux

De Manuais Informática - IES San Clemente.
(difs.) ← Revisión anterior | Revisión actual (difs.) | Revisión siguiente → (difs.)
Ir a la navegación Ir a la búsqueda

Para comprender todos os pasos que debemos seguir nunha instalación de Linux, hai algúns conceptos básicos de Linux que convén coñecer:

As unidades de disco en Linux

  • En lugar de distinguir as unidades de disco, CD-ROM, discos extraíbles, etc. por letras (A:, C:, D:), o sistema de ficheiros de Linux contén unha única árbore que parte do directorio raíz (/) e contén todos os ficheiros e directorios do sistema.
  • Cada unidade de almacenamento do ordenador represéntase como un ficheiro especial cun nome determinado:
    • As unidades de disco e CD-ROM levan o nome /dev/hdaXX (ou /dev/sdaXX se son SCSI ou Serial ATA).
    • A disqueteira leva o nome /dev/fd0.
  • Polo menos unha partición será asignada ao directorio raíz (/).
  • O resto das particións e unidades móntanse sobre cartafois do propio sistema de ficheiros.

Platega U810 Unidades en linux.jpg

  • Observar na imaxe:
  • O primeiro disco duro do ordenador chámase hda, o segundo chamaríase hdb. (sda, sdb, ... se o disco fose SATA, usb, scsi, etc).
    • A primeira partición deste disco chámase hda1 e así sucesivamente cada partición. (sda1 se fose un disco SATA, usb, SCSI, etc).
    • A primeira partición hda1 está montada nunha carpeta especial que se chama raíz (/) (sería o equivalente a "O meu PC" de MS Windows).
    • A segunda partición do disco hda2 está montada nunha carpeta do sistema de ficheiros que colga da raíz (/datos). De xeito que cando se accede á carpeta /datos estase accedendo a segunda partición do disco.
    • O mesmo acontece coas outras particións e con outros dispositivos. Como se pode observar co CD - ROM. Nas PARTES VI e VII do curso afondarase no coñecemento da xestión de discos, lapis USB, particións, ficheiros, formatar, etc.
    • Resaltar que os ordenadores MAC, iPhones, iPads, os dispositivos Android (teléfonos, tabletas), etc xestionan os ficheiros e dispositivos deste xeito e non co asignación de letras de unidade a cada partición ou dispositivo.

Os usuarios

  • Linux baséase nun sistema de seguridade que permite a definición de múltiples usuarios e grupos, aos cales se lles asociarán unha serie de permisos no sistema.
  • Cada usuario posúe un nome de usuario ou login e un contrasinal que lle permitirá autenticarse no sistema.
  • A cada usuario asignaráselle tamén un directorio persoal, no que, por defecto, só el poderá escribir.
  • Un usuario pertence a un grupo principal e un número ilimitado de grupos secundarios. Na parte IV afondarase no coñecemento da xestión de usuarios e grupos.
  • En Linux existe sempre un usuario administrador que posúe todos os privilexios sobre o sistema: este usuario chámase usuario root (raíz).

Pasos básicos da instalación de Linux

O proceso de instalación de Linux varía dependendo da distribución que utilicemos. Sen embargo, podemos resumir algúns pasos fundamentais, comúns en case que calquera instalación (Nesta PARTE I só se explican e na parte II realizarase o proceso de instalación):


  • Particionar o disco: Un dos pasos principais da instalación é seleccionar un espazo libre no disco no que instalar Linux.
    • Se non temos espazo libre no disco no que crear a partición de Linux podemos redimensionar a partición de Windows para deixar un espazo libre.
    • A operación de redimensionado da partición podería provocar perdas de datos, polo que é aconsellable facer unha copia de seguridade dos datos importantes do equipo.
    • Podemos redimensionar a partición de Windows dende o propio instalador de Linux (se a distribución o permite) ou utilizar un programa aparte, como gparted nun live cd.
    • Deberemos asignar as distintas particións que queremos facer no disco a distintos puntos de montaxe:
      • Deberemos sempre asignar unha partición ao directorio raíz (/).
      • Pode ser conveniente crear unha partición para o espazo de intercambio ou swap.
        • A partición de intercambio ou swap é un espazo de disco que Linux utilizará como ampliación da memoria principal do equipo.
        • O tamaño que debemos asignar a esta partición depende da memoria RAM do equipo e do uso que vaiamos facer do mesmo. Como máximo, o tamaño da partición de swap será o dobre da memoria RAM do equipo. Aínda que, hoxe de día con RAMs superiores a 1 GB, xa é suficiente con ter unha swap de 2 GiB, sexa cal sexa o tamaño da RAM que supere 1 GiB.
      • Podemos asignar puntos de montaxe para as particións que xa teñamos no equipo para acceder a elas dende Linux.


  • Seleccionar os paquetes a instalar: En Linux as aplicación están empaquetadas en paquetes. O número de aplicacións incluídas nas distribucións é cada vez maior. Moitas distribucións agrupan as aplicacións en grupos para permitir unha selección máis sinxela (Ofimática, ciencia, educación, etc).


  • Instalar os paquetes: Seguramente, a etapa máis longa da instalación.


  • Agregar usuarios: Polo menos un, o usuario root co seu contrasinal.


  • Instalar o xestor de arranque: O xestor de arranque permitiranos arrancar Linux tras a súa instalación e os sistemas operativos xa instalados no equipo.


  • Configurar a rede: Introduciremos os datos de rede da máquina.


  • Configurar o contorno gráfico: Dentro deste apartado incluímos a tarxeta de vídeo, de son, rato e teclado. Na maioría dos casos o programa de instalación detectará automaticamente o hardware do noso equipo, polo que seguramente apenas teñamos que facer nada.

Distribucións Linux

É importante seleccionar a distribución de Linux coa que se vai traballar.

-- Antonio de Andrés Lema e Carlos Carrión Álvarez