O escritorio remoto e arranque de máquinas virtuais en modo ''headless''
O escritorio remoto en VirtualBox
VirtualBox inclúe a función de escritorio remoto para permitir controlar a execución dunha máquina virtual dende unha máquina distinta á do host no que reside a MV, e manexala como se o estivésemos facendo dende o propio host.
Para poder utilizar o escritorio remoto con unha máquina, na configuración da mesma, dentro do apartado de Pantalla, iremos á pestana de Pantalla remota. Activamos a opción de Habilitar servidor, e indicaremos en que porto vai escoitar o escritorio remoto da MV. Debe ser un porto que estea libre na máquina host; e neste caso poñemos para wclient o porto 5000.
Arranque de máquinas en modo headless
O arranque en modo headless consiste en arrancar unha máquina sen arrancar a súa interface gráfica. Isto por un lado é necesario se no host non dispoñemos de contorno gráfico e iniciamos os servizos virtualizados co comando VBoxManage, e ademais permite iniciar unha máquina con un menor consumo de recursos, xa que toda a parte da saída gráfica non se virtualiza.
Para arrancar unha máquina en modo headless, usamos o comando VBoxManage startvm co parámetro --type headless como se ve na imaxe, aínda que tamén podemos usar o comando VBoxHeadless --startvm. Os dous comandos son moi similares, sendo as diferenzas fundamentais que o primeiro se executa en segundo plano, e este último mostra informes de erros máis detallados.
No manual de VirtualBox pódese atopar axuda sobre aspectos máis avanzados do escritorio remoto, como acceso remoto a dispositivos USB e métodos de autenticación que se poden configurar para o acceso ao escritorio remoto.