Curso POO PHP Variables e tipos de datos

De Manuais Informática - IES San Clemente.
Ir a la navegación Ir a la búsqueda

Variables e tipos de datos

As variables en PHP sempre deben comezar polo signo "$". Os nomes das variables deben comezar por letras ou polo carácter "_", e poden conter tamén números. Non obstante, ao contrario que en moitas outras linguaxes, en PHP non é necesario declarar unha variable nin lle especificar un tipo (enteiro, cadea,…) concreto. Para empezar a usar unha variable, simplemente asígnalle un valor utilizando o operador =.

Dependendo do valor que se lle asigne, á variable aplícaselle internamente un tipo de datos, que pode cambiar se cambia o seu contido. Isto é, o tipo da variable decídese en función do contexto en que se empregue.

Os tipos de datos en PHP son:

  • booleano (boolean). Os seus posibles valores son true e false. Ademais, calquera número enteiro se considera como true, salvo o 0 que é false.
  • enteiro (integer). Calquera número sen decimais. Pódense representar en formato decimal, octal (comezando por un 0), ou hexadecimal (comezando por 0x).
  • real (float). Calquera número con decimais. Pódense representar tamén en notación científica.
  • cadea (string). Conxuntos de carácteres delimitados por comiñas simples ou dobres.
  • NULL. É un tipo de datos especial, que se usa para indicar que a variable non ten valor.
  • array. É un grupo de valores que se poden identificar por un índice (un número comezando en 0 que indica a súa posición) ou un nome que o identifique (array asociativo).
  • obxecto. PHP soporta POO (Programación Orientada a Obxectos). Os obxectos en PHP instáncianse a partires da clase empregando a palabra clave new.
  • recurso. Empréganse para facer referencia a recursos como poden ser as conexións a bases de datos. PHP mantén unha táboa coas referencias abertas a cada recurso, de xeito que cando se borra a última, se liberan de xeito automático as estruturas reservadas para o recurso.

Se realizas unha operación con variables de distintos tipos, ambas as dúas convértense primeiro a un tipo común. Por exemplo, se sumas un enteiro cun real, o enteiro se converte a real antes de realizar a suma. Estas conversións de tipo, que normalmente se levan a cabo de forma automática, tamén se poden realizar de forma forzada, empregando os operadores de conversión de tipos:

  • (int) ou (integer) para converter a enteiro.
  • (bool) ou (boolean) para converter a booleano.
  • (float), (double) ou (real) para converter a real.
  • (string) para converter a cadea.
  • (array) para converter a array.
  • (object) para converter a obxecto.

En PHP existen funcións específicas para comprobar e establecer o tipo de datos dunha variable. gettype obtén o tipo da variable que se lle pasa como parámetro e devolve unha cadea de texto, que pode ser "array", "boolean", "double", "integer", "object", "string", "null", "resource" ou "unknown type".

Tamén podemos comprobar se a variable é dun tipo concreto utilizando unha das seguintes funcións: is_array, is_bool, is_float, is_integer, is_null, is_numeric, is_object, is_resource, is_scalar e is_string. Devolven true se a variable é do tipo indicado.

Analogamente, para establecer o tipo dunha variable utilizamos a función settype pasándolle como parámetros a variable a converter, e unha das seguintes cadeas: boolean, integer, float, string, array, object ou null. A función settype devolve true se a conversión se realizou correctamente, ou false en caso contrario.

Se o único que che interesa é saber se unha variable está definida e non é null, podes usar a función isset. A función unset destrúe a variable ou variables que se lle pasa como parámetro.

Unha variable pode estar definida pero estar baleira (isto é, contén false, 0, unha cadea baleira ou semellante). Podes empregar a función empty para comprobar se unha variables está baleira.

Constantes

Existe tamén en PHP unha función, define, coa que podes definir constantes, isto é, identificadores aos que se lles asigna un valor que non cambia durante a execución do programa.

define ("OLA", "Ola mundo.");

Os identificadores das constantes non van precedidos polo signo "$" e adoitan escribirse en maiúsculas, aínda que existe un terceiro parámetro opcional, que se vale true fai que se recoñeza o identificador independentemente de se está escrito en maiúsculas ou en minúsculas.

A partires da versión 5.3 da linguaxe, permítese tamén empregar a palabra const de xeito xeral para definir constantes.

const OLA = "Ola mundo.";

Só se permiten os seguintes tipos de valores para as constantes: integer, float, string, boolean e null.

--Víctor Lourido 14:41 25 jun 2013 (CEST)