Consideracións previas

De Manuais Informática - IES San Clemente.
Ir a la navegación Ir a la búsqueda

Este curso pode ser seguido por usuarios de moi diversa índole e características. Para aqueles que son iniciados ou usuarios medios convén que teñan presentes os seguintes conceptos:

Software libre

Son aqueles programas nos que o usuario ten a liberdade de poder executalos, modificalos, copialos, redistribuílos e melloralos.

O software libre baséase nun movemento creado por Richard Stallman a través da Free Software Foundation

Software privativo

Son aqueles programas que o usuario só os pode executar, e ademais na maior parte dos casos paga por iso, por poder usalos. No 98% dos casos o usuario paga por unha licenza de uso e legalmente non pode copiar o programa para redistribuílo.

Para que se entenda

Vostede vai a un restaurante e pide un prato da carta. O camareiro sérvelle o prato, vostede alcanza a descubrir que leva patacas e lombo de porco, pero pouco máis. Non sabe como foi elaborado, que especies leva, etc. Se vostede quixera reproducilo na súa casa teríao difícil. Se lle pide a receita ao cociñeiro, este non lla vai dar.

Agora vostede vai a outro restaurante e pide o mesmo prato, cando é servido este vén acompañado cunha folla onde se indican tódolos ingredientes e a forma de elaboración. Agora si que vostede o pode realizar na súa casa e incluso melloralo e publicar a receita mellorada.

En ámbolos dos casos, vostede comeu, pagou, saíu encantado co trato, etc., pero no segundo facilitoulle o poder de realizar o mesmo prato na súa casa e mesmo redistribuír a receita entre as súas amizades. Pois ben, o primeiro restaurante é software privativo, mentres que o segundo é software libre. E estes conceptos nada teñen que ver con pagar ou non, pois, por exemplo o Skype é gratis pero é privativo.


Exemplos de software libre

Exemplos de software privativo

  • Entre outros: Os sistemas operativos Microsoft Windows e MAC OS da empresa Apple para os ordenadores Macintosh.
  • Os programas de mensaxería (Messenger e Skype), que aínda que son gratis non se poden modificar nin ver como están feitos. No exemplo do restaurante comeríamos gratis, pero non nos darían a receita.
  • O navegador Internet explorer de Microsoft Windows
  • A ferramenta ofimática MS Office
  • O visor de PDF, Acrobat Reader, pola mesma razón que o Skype.
  • etc.

Canto custa o software?

Como no caso dos restaurantes vostede pagou nos dous, isto é, pagou o servizo, os ingredientes, o local, o camareiro, etc. Pois ben, software libre non debe ser confundido con gratis. Vostede pode pagar a alguén para que lle arranxe o ordenador, para que lle instale tal ou cal programa, etc. Se a vostede lle instalaron todo software libre vostede paga polos servizos e o tempo consumido, o CD, etc. Se a vostede lle instalaron software privativo, ademais debe pagar polas licenzas de uso.

Se vostede instala os programas na súa casa, sen a axuda de ninguén, no caso do software libre só pagaría o CD no que veu o programa, o custe de internet, se o baixou, etc, pero o demais é o seu tempo. No caso do software privativo vostede pagaría ademais a licenza de uso e non lla podería pasar a ninguén.

Son un pirata?

Se vostede pasa ou copia programas privativos entre as amizades, os baixa de internet, etc. e introduce chaves de activación falsas ou dun amigo, sen pagar por elas, a resposta é ... si. Se vostede fai o mesmo con software libre a resposta é non.

Aclaracións finais

Moitas veces atopámonos con frases do estilo: "Fállame o Windows non podo poñer negriña nun texto", "O ordenador non funciona, non podo navegar", “O Windows non me vai ...”, etc, etc. Para alguén que se adique a dar soporte a usuarios é importante que a incidencia estea o máis acoutada posible, así poderá ter unha pronta solución.

Imaxine unha visita ó médico, na que se lle indica que nos atopamos mal, simplemente iso. El pregúntanos, pero que lle pasa?. Mentres non lle digamos que nos doe un dedo, o estómago, que lle molesta algo nun oído, etc, el non vai poder axudar.

Pois ben, imos clarexar certos conceptos, para poder falar con maior propiedade:

Ordenador

Está composto, basicamente, por: unidade central, monitor, teclado e rato. Exemplo dun ordenador

CPU

Moita xente adoita chamarlle CPU á unidade central, pero a CPU é o procesador, o cerebro de todo ordenador, e vai dentro da unidade central.

Disco duro

Tamén chamado disco ríxido, é onde se almacena dun xeito permanente toda a información que usa tanto o usuario como os programas. A súa capacidade mídese en Bytes. As unidades máis usadas son:

  • 1 TB (Tera Byte) = 1.000 GB
  • 1 GB (Giga Byte) = 1.000 MB
  • 1 MB (Mega Byte) = 1.000 KB
  • 1 KB (Kilo Byte) = 1.000 B (Bytes)

Un disco duro sería o equivalente a unha estantería onde se almacenan todos os nosos libros, apuntes, recibos, etc. As capacidades máis usadas, a nivel doméstico, (Feb 2015) son de 500 GB a 6 TB (+- 6.000 GB)

  • Observar que nas medidas anteriores os múltiplos son de 1.000 e non 1.024. Véxase a seguinte explicación:

Unidades de medida de capacidades

  • Como todo o mundo sabe se compra un USB de 1 GB este resulta que non ten 1 GB senón 0,93. E isto por que?.

Pois imos explicalo con unidades de medidas máis pequenas.

  • Que é 1 KB (KiloByte)?, Pois depende a quen se lle pregunte:
    • Fabricante de disco duro: 1 KB = 10 3= 1.000 bytes (Igual que 1 Km son 1.000 m)
    • O tamaño dun ficheiro: 1 KB = 2 10= 1.024 bytes.
  • Para rematar con esta confusión creouse unha nova unidade de medida: Ki (kibi=kilo binario=2 10=1.024) para distinguilo do K (kilo=10 3=1.000) de toda a vida.
    • Así un KiB (KibiByte) son 1.024 bytes.
    • Así un KB (KiloByte) son 1.000 bytes.


  • O ordenador traballa con KiB e non con KB. De aí que se alguén merca un disco de 1KB, en realidade ten unha capacidade de almacenamento de 0,98 KiB (1.000 bytes / 1.024 bytes).
  • Pois o mesmo pasa coas demais medidas:
    • 1 MB (1.000 KB), mentres que 1 MiB (1.024 KiB)
    • 1 GB (1.000 MB), mentres que 1 GiB (1.024 MiB)
  • Quen o desexe pode afondar sobre a norma ISO/CEI onde se define esta unidade de medida.
  • A que conto de que vén isto?. Pois como se verá máis adiante, na parte II do curso, cando se instale Ubuntu, hai un paso no que se crean as particións, e o particionador da instalación traballa con MB (reais: 1.000 bytes) e non con MiB (1.024 bytes). Pero ate chegar á parte II, vaise facer abuso da linguaxe, é dicir, GB ou GiB vai ser o mesmo para nós nesta primeira parte. Como cando alguén se refire aos panos de papel como Kleenex, cando isto é unha marca concreta. Na parte II do curso afondarase máis sobre isto, e por agora con presentalo é suficiente.
  • Simplemente resaltar que cando se vén os tamaños dos discos en Windows, este S.O. onde indica GB, para ser máis exactos debera dicir GiB. Pero como dixemos, ate chegar á parte II non distinguiremos entre unha unidade ou outra e, por agora, dicir GB ou GiB vai ser o mesmo para nós, isto é, múltiplo de 1.024 e non de 1.000. Moi pronto afondaremos máis sobre isto.

Memoria RAM

Na memoria RAM é onde o ordenador almacena os datos e a información coa que está a traballar nun momento concreto. Este almacenamento é volátil, de xeito que, se se apaga o ordenador perderíase todo canto nela houbese.

A súa capacidade tamén se mide en bytes. As capacidades actuais dos PCs para o fogar (Feb 15) oscilan entre 4 GiB e 16 GiB.

A memoria RAM sería o equivalente á unha mesa de traballo, onde poñemos os libros, recibos, etc., que se tiñan na estantería, e así poder realizar tarefas con eles. Esta mesa é especial, ao apagar a luz da habitación todo o que non se pasara da mesa á estantería será destruído.

Sistema operativo

Un sistema operativo é un conxunto complexo de programas que serven de interface entre o usuario e o ordenador. De xeito que, cando o usuario fai dobre clic sobre unha carpeta, por exemplo, o sistema operativo fai todo o preciso para capturar a acción do dobre clic, ir ao disco duro, mirar que información hai nesa carpeta e a través da pantalla amosala. O usuario non sabe cales foron todas tarefas que se tiveron que facer, só ve o resultado final.

Hai moitos sistemas operativos, uns privativos e outros libres. Indícanse os máis coñecidos:

Sistemas operativos privativos

Cítanse entre outros:

  • Microsoft Windows, con tódalas súas versións (95, 98, NT, 2000, 2003, XP, Vista, 7, Windows 8, etc.)
  • MacOS X de Apple, tamén dispón de varias versións, Puma, Jaguar, Panther, Tiger, Leopard, Lion, etc. Se por algo se caracterizan os sistemas operativos MacOS X é pola súa vistosidade e facilidade de uso, pero a base do seu sistema operativo é UNIX.
  • Unix é no que se basea linux e pertence á empresa The Open Group. Este sistema operativo sóese usar en grandes servidores de grandes corporacións ou institucións, pero cada vez gánalle máis terreo linux.

A ninguén se lle escapa que o máis coñecido é MS Windows, sobre todo as súas versións XP, Vista, 7 e 8.

Sistemas operativos libres

Cítanse entre outros:

  • FreeBSD derivado de UNIX, pertence á Berkeley Software Distribution (BSD) da Universidade de California.
  • GNU/Linux, aínda que todo o mundo o simplifica chamándolle Linux. En realidade Linux é o núcleo do sistema, e moitos dos programas e librerías que o rodean proceden dun proxecto coñecido como GNU (Gnu is not Unix). Pronúnciase “ñu”, como o animal.
    • É conveniente introducir o concepto de distribución. Un grupo de usuarios, ou empresas, collen o básico de GNU/linux e compleméntano cos programas que satisfacen un conxunto de necesidades. A esa compilación chámaselle distribución. Hoxe en día soe haber casas comerciais detrás de cada unha, son moi contadas as excepcións.
    • Por mencionar algunhas distribucións, aínda que cada unha dela tamén ten versións:

Programas ou aplicacións

O sistema operativo non proporciona ferramentas para compoñer textos complexos, levar as contas, realizar presentacións, ver un vídeo, navegar por internet, etc. Para todo iso existen aplicacións ou programas que cubren as necesidades dos usuarios e que deben ser instaladas nos distintos sistemas operativos.

Os programas ou aplicacións ao igual que os sistemas operativos tamén poden ser privativos ou libres, PERO OLLO:

  • Hai empresas que denvolven o mesmo programa 'privativo' tanto para sistemas operativos privativos como libres. Por exemplo, o programa privativo, para ler arquivos PDF, Adobe Acrobat Reader, pódese instalar tanto sobre o sistema operativo MS Windows como GNU/Linux. Pero segue sendo un programa non libre, pois non se pode acceder ao seu código nin modificalo, a empresa non facilita a receita. O mesmo acontece co programa "Skype".
  • Pola contra tamén hai empresas e grupos de usuarios voluntarios que desenvolven programas libres e que poden ser usados tanto en sistemas operativos libres coma privativos. Por exemplo, a ferramenta ofimática OpenOffice.org (ou o seu derivado LibreOffice.org) pode ser instalada tanto en MS Windows, en Mac OS, como en GNU/Linux.
  • Finalmente, hai programas tanto privativos como libres que só funcionan nun só sistema operativo. Por exemplo MS Excel non funciona en GNU/Linux e Totem (un reproductor de filmes libre) non funciona en MS Windows.

A continuación expóñense un conxunto de aplicacións das máis coñecidas ou usadas:

Ferramentas ofimáticas

Serven para compoñer textos, operar con follas de cálculo, realizar presentación, xestionar bases de datos, etc.

  • Microsoft Office da empresa Microsoft.
    • É unha suite ofimática privativa.
    • Só está dispoñible para MS Windows e para MacOS X
    • As súas versións, entre outras, son MS Office 97, 2000, 2002, 2003, 2007, 2010 e a recente 2013 incompatible con tódalas anteriores e con calquera estándar. Non confundir coas versións do sistema operativo MS Windows, xa que cada unha vai polo seu lado. Por ter MS Windows non significa que se teña que ter o MS Office instalado.
    • Entre os seus compoñentes máis coñecidos están: MS Word (procesador de textos), MS Excel (folla de cálculo), MS Power Point (presentacións) e MS Access (bases de datos)
  • OpenOffice.org suite ofimática desenvolvida pola comunidade (por voluntarios tanto particulares como empresas e gobernamentais.) e por varias empresas: Sun Microsystems, Oracle. Na actualidade pertence á fundación Apache.
  • Na actualidade estase a utilizar Libreoffice.org que é unha escisión da anterior. A páxina oficial é: http://es.libreoffice.org/
    • Son un suites ofimáticas libres.
    • Son multiplataforma, está dispoñible tanto para MS Windows, Mac OS, como en GNU/Linux.
    • A última (feb 2013) [1] é a 3.4.1.
    • A última (feb 2013) versión de LibreOffice.org é a 3.6.4.
    • Entre os seus compoñentes máis coñecidos, é que ademais len e poden modificar documentos producidos por MS Officce, están: Writer (procesador de textos), Calc (folla de cálculo), Impress (presentacións) e Base (bases de datos).
    • Xera documentos PDF automaticamente.

Navegadores de internet

-- Antonio de Andrés Lema e Carlos Carrión Álvarez