Acceder a carpetas compartidas con Ubuntu
Neste apartado imos ver como acceder dende un equipo da rede local con Ubuntu a carpetas compartidas por outros equipos, xa sexan estes equipos Linux ou Windows.
Acceder a unha carpeta explorando a rede
Unha forma de conectarse con unha carpeta compartida é explorando a rede local para localizar o equipo que comparte a carpeta que buscamos, utilizando o explorador de ficheiros. Tan só teremos que picar na opción de Explorar a rede e Irán aparecendo os distintos equipos que se detecten na rede, como se ve na imaxe:
A opción de Rede Windows da acceso aos distintos grupos de traballo ou dominios Windows que se atopen na nosa rede local, así como aos equipos Linux que están compartindo as carpetas con samba e polo tanto están simulando ser equipos Windows.
Acceder a unha carpeta compartida desta maneira ten dous inconvenientes: Por un lado hai que ir buscando na rede o equipo que almacena a carpeta e a carpeta á que queremos acceder, e por outro pode darnos problemas na exploración debido a que o usuario co que iniciamos a sesión no noso equipo non ten permisos para acceder a certos recursos da rede. É por iso que imos decantarnos por outra opción máis directa e segura de facelo.
Conectar con un servidor
Do mesmo xeito que en Windows temos a opción de conectar unha unidade de rede para acceder de forma máis rápida a unha carpeta compartida, Ubuntu ofrece a opción de Conectar co servidor... para acceder a unha carpeta compartida sen ter que explorar a rede local:
Acceso a carpetas compartidas en redes mixtas Windows/Linux
Os pasos que vimos para compartir carpetas e acceder a carpetas compartidas permítennos non só compartir carpetas entre equipos Windows e entre equipos Linux, senón que permiten tamén acceder de un equipo Windows a unha carpeta compartida dun equipo Linux e dende un equipo Linux acceder a unha carpeta dun equipo Windows. Isto é posible grazas a que en Linux estamos utilizando samba para compartir carpetas e acceder a carpetas compartidas, e desta forma os equipos Linux estanse comportando como equipos Windows en todo o que se refire á compartición de recursos na rede local.
Polo tanto todo o visto é válido para as redes mixtas con equipos Windows e Linux, situación que cada vez é máis frecuente:
Engadir marcadores ás carpetas de rede
Se queremos acceder de forma frecuente a unha carpeta compartida dende o equipo Ubuntu, podemos engadir un marcador a esa carpeta. Desta maneira non teremos que usar a opción de Conectar co servidor... cada vez que nos queiramos conectar a ela.
Se queres afondar algo máis sobre a compartición e acceso a carpetas compartidas en redes mixtas con diversos escenarios de acceso entre equipos Windows e Ubuntu, poder ler a información que se atopa no seguinte enlace, correspondente a un curso de manexo de Ubuntu: