Diferencia entre revisiones de «Versións de HTML e de XHTML»

De Manuais Informática - IES San Clemente.
Ir a la navegación Ir a la búsqueda
 
(Sin diferencias)

Revisión actual del 00:36 17 nov 2010

O desenvolvemento dos diferentes estándares (o W3C chámalles recomendacións) é lento e en moitos casos complicado debido ao conflito de intereses que existe entre os membros dos diferentes grupos de traballo (Google, Microsoft, Netscape, etc.). A continuación preséntase un resumo da evolución das recomendacións.

Versións de HTML

A primeira descrición de HTML foi un documento chamado HTML Tags, mencionado por Berners-Lee a finais do ano 1991. Aínda pasarían catro anos ata que vira a luz a primeira especificación:

  • HTML 2.0. Aparece como un RFC no ano 1995, por tanto, non era unha recomendación do W3C. Incluía elementos como táboas, carga de ficheiros a través de formularios, mapas de imaxes no cliente e internacionalización.
  • HTML 3.2. Foi publicada como recomendación do W3C en xaneiro de 1997. Tentou facer converxer as etiquetas dos diferentes fabricantes, con pouco éxito. A partir desta versión incluíronse as principais etiquetas de marcado visual, como font que posteriormente serían substituídas por CSS.
  • HTML 4.0. O W3C publicou esta recomendación en decembro de 1997. A súa principal aportación e tentar eliminar as etiquetas de marcado visual en favor das follas de estilo. Distínguense as variantes strict, transitional e frameset.
  • HTML 4.01. En decembro de 1999 o W3C publicou esta recomendación con pequenas variacións sobre a anterior e con corrección de erratas. Converteuse tamén nun estándar ISO no ano 2000.
  • HTML5. Aínda está baixo desenvolvemento polo que non é unha recomendación do W3C. Publicouse un borrador no ano 2008. En principio nace da man dun grupo de empresas independentes do W3C que traballan baixo a súa supervisión. Incorpora novas etiquetas para elementos multimedia, atributos, así como novos controis para formularios (calendario, email, URL, etc.). Hai un esforzo para que os navegadores teñan un comportamento similar ante situacións de erros (elementos non recoñecidos, etc.). Nesta versión hai unha aposta clara polo XML. As últimas versións dos navegadores xa teñen algún tipo de soporte.

Versións de XHTML

No ano 1998 empézase a traballar nunha reformulación de HTML baseada en XML pero non sería ata o ano 2000 que aparecería a primeira especificación de XHTML.

  • XHTML 1.0. No ano 2000 o W3C incorpora os traballos baseados en HTML e XML nesta recomendación.
  • XHTML 1.1 (XHTML baseado en módulos). O W3C publica esta recomendación no ano 2001. A súa principal aportación é a modularización dos elementos XHTML.
  • XHTML Basic e XHTML Mobile Profile. Converteuse nunha recomendación do W3C no ano 2000. É unha versión reducida de XHTML que proporciona un mínimo de características pensadas para pequenos dispositivos. A Open Mobile Alliance publicou unha versión extendida desta recomendación no ano 2006 chamado XHTML-MP, pensada para dispositivos móbiles.
  • XHTML 2.0. Foi un intento do W3C de romper con malas prácticas herdadas do pasado. O seu principal problema foi que non se garantía a compatibilidade cara atrás, é dicir, con HTML 4.0 e XHTML 1.0, motivo polo que non tivo apoio. Actualmente o grupo de traballo do W3C para esta recomendación está pechado.
  • XHTML 5. É unha actualización do XHTML 1.x. Estase definindo en paralelo coa especificación do HTML5. Por tanto, aínda é un borrador.

--Arribi 16:04 4 nov 2010 (GMT)