Servidor FTP vsftpd

De Manuais Informática - IES San Clemente.
Revisión del 14:37 13 ene 2020 de Bruno (discusión | contribuciones) (FTP seguro)
(dif) ← Revisión anterior | Revisión actual (dif) | Revisión siguiente → (dif)
Ir a la navegación Ir a la búsqueda

vsftp ou (Very secure FTP) supostamente é o servidor FTP máis seguro para o mundo Linux/Unix, en canto a seguridade, rendemento e escalabilidade.

Soporta o uso de certificados dixitais SSL, sempre e cando o cliente ftp os soporte (empregar o cliente ftp-ssl en vez de ftp). Unha das peculiaridades que permite, e o uso de gaiolas chroot para os usuarios. Unha gaiola chroot, establece un directorio determinado como directorio raíz. Desde ese directorio, non se poderá acceder a ningún de nivel superior, pero si a todos os descendentes.

Instalación

Para instalalo, en Linux, temos que instalar o paquete vsftpd

 sudo apt-get install vsftpd

Configuración básica

Os ficheiros que temos que editar para configurar o servidor son /etc/vsftpd.conf ou /etc/vsftpd/vsftpd.conf

Unha vez editado o ficheiro de configuración, e feito algún cambio, estes aplícanse reiniciando o servidor:

 sudo service vsftpd restart

Tamén se pode configurar desde o Webmin, pero habería que instalar o módulo correspondente, módulo que non ven na instalación por defecto de Webmin. Podes descargar o módulo vsftpd e instalalo no Webmin no apartado de módulos.

Por defecto, poden acceder ao servidor FTP todos os usuarios do sistema, en modo so lectura.

Mensaxe de benvida

Podemos establecer unha mensaxe de benvida para os usuarios que se conectan ao sistema:

 ftpd_banner=Bienvenido ao servidor FTP

ou especificando un ficheiro de texto, onde se gardará a mensaxe a amosar como benvida (útil no caso de ocupar varias liñas)

banner_file=/etc/vsftpd/welcome.banner

Habilitación de escritura

Por defecto, a escritura no sistema está deshabilitada. Para habilitala incluímos a seguinte directiva.

 write_enable=YES

Para os usuarios locais, esta directiva habilita tanto a subida de ficheiros, coma a creación de directorios e o renomeado.

Permisos dos ficheiros e directorios resultantes

O umask para os usuarios locais está establecido a 077. Podemos configuralo a outro valor coa directiva

local_umask=022

Estes permisos sempre se van a restar, do valor que teña a directiva file_open_mode que por defecto ten o valor 0666 (sempre elimina os permisos de execución).

Gaiolas chroot

Os usuarios, por defecto, poden acceder a todos os cartafois e directorios nos cales teña permiso de lectura e acceso. Pero podemos limitar esa característica ao seu directorio persoal. Isto é o que se coñece como establecer unha gaiola chroot. Configúrase coa directiva

chroot_local_user=YES

Gaiolas chroot so para certos usuarios

Se queremos que so certos usuarios teñan activado chroot, establecemos a directiva

chroot_list_enable=YES
chroot_list_file=/etc/vsftpd/users.list

e no ficheiro /etc/vsftpd/users.list teremos unha lista dos usuarios afectados por chroot

  • Se a directiva chroot_local_user aparece no ficheiro e ten o valor YES a lista conten os usuarios que non teñen activado chroot
  • Se a directiva chroot_local_user non aparece no ficheiro ou ten o valor NO a lista conten os usuarios que teñen activado chroot

Mensaxes de erro asociadas a chroot

Se aparece un erro ao acceder os usuarios locais con esta mensaxe 500 OOPS: vsftpd: refusing to run with writable root inside chroot() débese a que vsftpd non permite que os usuarios poidan escribir na súa carpeta raíz. Unha solución é quitarlle os permisos de escritura a esa carpeta. Isto fará que o usuario non poida facer nada na súa propia carpeta, así que o mellor é crearlle outra dentro con permisos normais para que poida escribir nela.

A outra alternativa para solucionar ese erro é engadir a directiva.

allow_writeable_chroot=YES

Note Esta directiva so estará dispoñible se a versión do servidor é a 3 ou superior.

O usuario anónimo sempre conectará dentro dunha contorna chroot. E sempre será necesario que non teña permiso de escritura no seu HOME.

Se nos aparece o erro:

500 OOPS: priv_sock_get_cmd

deberemos engadir a liña

seccomp_sandbox=NO

Isto é un coñecido bug, que hai en versións 3.0.x con arquitectura amd64.

Acceso anónimo

Podemos tamén habilitar o acceso a usuarios anónimos, que por defecto ven deshabilitado. Habilitámolo coa directiva

anonymous_enable=YES

O usuario anónimo, está engaiolado no directorio raíz do usuario ftp do sistema. Tamén podemos facer que inicie sesión noutro directorio

anon_root=/ruta/ao/directorio/onde/iniciara/sesion/o/usuario/anonimo

Por defecto, o usuario anonymous non pode subir arquivos. Se queremos permitir que os usuarios anónimos poidan subir arquivos ao servidor teremos que ter en conta que:

  • O usuario ftp non debe ser propietario do directorio onde se suban os ficheiros.
  • O usuario ftp non debe ser membro do grupo propietario do directorio onde se suban os ficheiros.
  • O directorio anónimo debe ter os permisos de escritura correspondentes para OUTROS.

Para permitir a escritura ao usuario anónimo, tendo en conta o anterior, temos que habilitar a directiva

anon_upload_enable=YES

Se a maiores, queremos permitir que poida crear directorios, empregamos a directiva

anon_mkdir_write_enable=YES

O usuario propietario dos ficheiros subidos será o usuario ftp . Tamén podemos facer que o usuario propietario dese arquivo sexa calquera outro dos presentes no sistema. Iso consíguese coa directiva:

chown_uploads=YES
chown_username=whoever

Recoméndase que o usuario propietario non se cambie a root

FTP seguro

Tradicionalmente, o servizo FTP sempre foi inseguro. Cando un usuario se conecta, o seu nome de usuario e contrasinal, son transmitidos sen encriptar, podendo pasar, que alguen intercepte a comunicación e se faga coas credenciais do usuario. Afortunadamante, pódese empregar facendo que o servidor FTP empregue autenticación de OpenSSL, facendo que o nome de usuario, o seu contrasinal e tamén os datos transferidos vaian encriptados.

Para conseguir isto, o primeiro paso é crear o certificado SSL,

 sudo openssl req -x509 -nodes -days 365 -newkey rsa:2048 -keyout /etc/ssl/private/vsftpd.pem -out /etc/ssl/certs/vsftpd.pem

A continuación editamos o ficheiro de configuración de vsftp e introducimos as seguintes directivas (Se algunha delas está configurada, eliminámola):

ssl_enable=YES
allow_anon_ssl=NO
force_local_data_ssl=NO
force_local_logins_ssl=NO
ssl_tlsv1=YES
ssl_sslv2=NO
ssl_sslv3=NO
rsa_cert_file=/etc/ssl/certs/vsftpd.pem
rsa_private_key_file=/etc/ssl/private/vsftpd.pem

Se queremos forzar a que os usuarios locais so se poidan conectar empregando SSL, cambiamos as seguintes directivas.

force_local_data_ssl=YES
force_local_logins_ssl=YES

No caso de erro na conexión SSL desde Filezilla, engadir o seguinte parámetro:

ssl_ciphers=AES128-SHA

Cando se realice a conexión, pode verse o algoritmo de encriptación empregado:

 220 Welcome to blah FTP service.
 Name (192.168.56.253:bruno): adminlocal
 234 Proceed with negotiation.
 [SSL Cipher DES-CBC3-SHA]
 331 Please specify the password.
 Password:

Todo o que se transmita por esta canle, queda encriptado.

Restriccións FTP

No servidor vsftpd, podemos restrinxir o acceso por parte dos usuarios, coas seguintes directivas

  • Para restrinxir o número de clientes conectados de forma simultánea:
max_clients=5
  • Para limitar o número máximo de conexións que se poden realizar desde un mesmo enderezo IP. Hai que ter en conta que algunhas redes acceden a través dun servidor proxy ou porta de ligazón e debido a isto poderían quedar bloqueados innecesariamente algúns accesos:
max_per_ip=4
  • Para limitar o ancho de banda de descarga para os usuarios locais e o usuario anónimo (en bytes por segundo). Por defecto, o valor é 0, o cal significa que non hai límite:
local_max_rate=5120
anon_max_rate=4096
  • Para establecer un tempo de espera para manter establecidas conexións inactivas.
idle_session_timeout=600
  • Para establecer un tempo de espera para manter establecidass conexións de datos inactivas.
data_connection_timeout=120
  • Para activar/desactivar conexións pasivas
pasv_enable=YES

Cotas de disco

Tamén podemos establecer cotas de disco para os distintos usuarios. Para máis información, acceder ao seguinte enlace

Logs

Por defecto vsftpd garda un log de todas as cargas/descargas no ficheiro =/var/log/vsftpd.log. Se queremos cambiar esa configuración temos estas dúas directivas:

xferlog_enable=YES
xferlog_std_format=YES
xferlog_file=/var/log/vsftpd.log

Outras referencias

  1. Páxina de manual de vsftpd.conf
  2. Opcións de configuración de vsftpd
  3. Manual de vsftpd