Curso POO PHP Servizos web: WSDL e SOAP

De Manuais Informática - IES San Clemente.
Revisión del 00:32 26 jul 2013 de Vlourido (discusión | contribuciones) (WSDL (Web Services Description Language))
(dif) ← Revisión anterior | Revisión actual (dif) | Revisión siguiente → (dif)
Ir a la navegación Ir a la búsqueda

Servizos web: WSDL e SOAP

O protocolo RPC creouse para permitir a un sistema acceder de forma remota a funcións ou procedementos que se encontren noutro sistema. O cliente conéctase co servidor, e indícalle que función debe executar. O servidor execútaa e devólvelle o resultado obtido. Así, por exemplo, podemos crear no servidor RPC unha función que reciba un código de produto e devolva o seu PVP. RPC usa o seu propio porto, pero normalmente só a xeito de directorio. Os clientes conéctanse a el para obter o porto real do servizo que lles interesa. Este porto non é fixo; asígnase de forma dinámica.

Os servizos web creáronse para permitir o intercambio de información ao igual que RPC, pero en lugar de definir o seu propio protocolo para transportar as peticións de información, utilizan HTTP para este fin. A resposta obtida non será unha páxina web, senón a información que se solicitou. Desta forma poden funcionar sobre calquera servidor web; e, o que é aínda máis importante, utilizando o porto 80 reservado para este protocolo. Polo tanto, calquera ordenador que poida consultar unha páxina web, poderá tamén solicitar información dun servizo web. Se existe algún firewall na rede, tratará a petición de información igual que o faría coa solicitude dunha páxina web.

Un servizo web baséase normalmente en:

  • O protocolo SOAP, que utiliza a linguaxe XML para intercambiar información entre o cliente e o servidor.
  • A linguaxe WSDL, que tamén está baseada en XML e foi creada para describir servizos web, é dicir, indicar como se debe acceder a un servizo e utilizalo.

SOAP

SOAP é un protocolo que indica como deben ser as mensaxes que se intercambien o servidor e o cliente, como deben procesarse estas, e como se relacionan co protocolo que se utiliza para transportalas dun extremo ao outro da comunicación (no caso dos servizos web, este protocolo será HTTP).

O nome SOAP xurdiu como acrónimo de Simple Object Access Protocol, pero, a partir da versión 1.2 do protocolo, o nome SOAP xa non se refire a nada en concreto. Ao igual que o seu antecesor, XML-RPC, SOAP utiliza XML para compoñer as mensaxes que se transmiten entre o cliente (que xera unha petición) e o servidor (que envía unha resposta) do servizo web.

Menxaxe SOAP

Nunha mensaxe SOAP, como mínimo debe figurar un elemento Envelope, que é o que identifica ao documento XML como unha mensaxe SOAP, e onde se deben declarar polo menos os seguintes espazos de nomes:

<soap:Envelope
  xmlns:soap="http://schemas.xmlsoap.org/soap/envelope/"
  soap:encodingStyle="http://schemas.xmlsoap.org/soap/encoding/">

Como primeiro membro do elemento Envelope, pode haber de forma opcional un elemento Header. Se existe, pode conter varios elementos con información adicional sobre como procesar a mensaxe SOAP. A continuación debe figurar obrigatoriamente un elemento Body, que é onde se inclúe, dependendo do tipo de mensaxe, a petición ou a resposta.

WSDL (Web Services Description Language)

WSDL é unha linguaxe baseada en XML que utiliza unhas regras determinadas para xerar o documento de descrición dun servizo web. Unha vez xerado, ese documento adóitase poñer a disposición dos posibles usuarios do servizo (normalmente accédese ao documento WSDL engadindo ?wsdl á URL do servizo). O espazo de nomes dun documento WSDL é http://schemas.xmlsoap.org/wsdl/, aínda que nun documento WSDL se adoitan utilizar tamén outros espazos de nomes. A estrutura dun documento WSDL é a seguinte.

<definitions 
  name="…" 
  targetNamespace="http://…"
  xmlns:tns="http://…" 
  xmlns="http://schemas.xmlsoap.org/wsdl/"
   
>
  <types></types>

  <message></message>

  <portType></portType>

  <binding></binding>

  <service></service>
</definitions>

O obxectivo de cada unha das seccións do documento é o seguinte:

  • types. Inclúe as definicións dos tipos de datos que se usan no servizo.
  • message. Define conxuntos de datos, como a lista de parámetros que recibe unha función ou os valores que devolve.
  • portType. Cada portType é un grupo de funcións que implementan o servizo web. Cada función defínese dentro do seu portType como unha operación (operation).
  • binding. Define como vai transmitirse a información de cada portType.
  • service. Contén unha lista de elementos de tipo port. Cada port indica onde (en que URL) se pode acceder ao servizo web.


--Víctor Lourido 01:14 26 jul 2013 (CEST)