Centro de Software: instalar e desinstalar programas

De Manuais Informática - IES San Clemente.
Ir a la navegación Ir a la búsqueda
La versión para imprimir ya no se admite y puede contener errores de representación. Actualiza los marcadores del navegador y utiliza en su lugar la función de impresión predeterminada del navegador.

Nesta sección estudarase todo o relacionado coa instalación e desinstalación de programas en Ubuntu. Os programas que se instalan nesta sección, son a modo de exemplo para tratar de explicar distintos métodos de instalación de paquetes (programas) en Ubuntu.

Instalar paquetes, formatos e repositorios

Instalación de programas en Linux

  • O proceso de instalación de aplicacións en Linux inicialmente era bastante complexo, xa que o usuario final debía copiar no seu equipo as fontes do programa e compilalas para obter os executables do mesmo.
  • Para poder compilar e instalar o programa deste xeito, en primeiro lugar hai que ter instaladas todas as librerías necesarias para o proceso de compilación, e deberemos seguir os seguinte pasos:
    • Dado que o programa estará comprimido seguramente en formato tar.gz, teremos que copiar o ficheiro comprimido no noso equipo e descomprimilo con tar (tar zxvf ficheiro.tar.gz).
    • As instrucións de instalación (que probablemente se atopen nun ficheiro chamado README ou INSTALL) dirannos que scripts debemos executar para a compilación e execución do programa (normalmente make, make install).
  • Este sistema de instalación de programas ten unha serie de incovenientes importantes:
    • O proceso de instalación é complexo e difícil de automatizar con ferramentas gráficas.
    • É tamén bastante complicado desinstalar o programa a non ser que inclúa algún script de desinstalación.
    • Non ofrece unha forma cómoda de actualizar os programas, xa que teremos que instalar a nova versión da mesma forma que a inicial.
    • Non hai posibilidade de ver e manexar os programas que temos instalados no equipo.
  • Por todas estas razóns, moitas distribucións desenvolveron diferentes sistemas de empaquetado para facer máis sinxela (simplemente cun comando ou cunhas pulsacións do rato) a instalación, actualización e eliminación de programas.
    • Algo moi semellante ao que fan agora os Smartphones ou Tablets.

Formatos de paquetes

  • A idea principal destes sistemas de empaquetado é que os programas se distribúan xa compilados en ficheiros comprimidos que se denominan paquetes.
  • O proceso de instalación dun paquete simplemente require descomprimir os ficheiros do paquete e copialos aos directorios do sistema que lles correspondan. Deste xeito, a instalación de paquetes pode ser automatizada de forma sinxela por comandos ou ferramentas gráficas.
  • O sistema almacena unha base de datos cos paquetes instalados e as súas versións, o que permite facilmente consultar os programas instalados, eliminar e actualizar programas.
  • En ocasións, un paquete para poder funcionar precisa que no sistema estean instalados outros. Dirase entón que existen unha dependencia entre o primeiro paquete e estes outros paquetes.
  • O inconveniente principal do sistema de paquetes é que o mesmo paquete non é válido para distintas distribucións, xa que non hai un único formato de paquete estándar (Aínda que existen algúns programas, como alien que permite converter un paquete dun formato a outro). Os tres principais formatos de empaquetamento son:
    • Formato deb: Formato de paquetes propio de Debian, que foi adquirido por moitas outras distribucións baseadas en Debian como Ubuntu, Knoppix, Mint, etc.
    • Formato rpm: Formato orixinario de RedHat, que actualmente usan tamén outras distribucións como Fedora ou Suse.
    • Formato bin: Non é en si un empaquetado, senón un ficheiro executable para a instalación dun paquete.

Os repositorios

  • Para facilitar a instalación e actualización de paquetes, o máis común actualmente é crear repositorios de paquetes, que son almacéns nos que se gardan os paquetes dispoñibles para unha distribución.
  • Para aqueles que usen Smart Phones, estes basean a instalación de aplicacións nos repositorios, os usuarios so buscan a aplicación, pero non indican de onde a van descargar, unha vez localizada esta descárgase e instalase. Pois esa filosofía baséase no uso de repositorios como o vén facendo Linux dende a aparición dos paquetes.


Platega U810 Instalar Aplicacions 00A.jpg

  • Desta forma, é posible descargar directamente do repositorio os paquetes necesarios para instalar un programa, incluíndo as dependencias que precisen para funcionar correctamente, o que facilita aínda máis o proceso de instalación.
  • Ademais cando aparecen novas versións dos paquetes, son engadidas aos repositorios de forma que tamén poderemos actualizar a partir deles os programas instalados.
  • Para facilitar e optimizar o acceso, os repositorios contan cuns ficheiros de índice ou de síntese que enumeran os distintos paquetes e versións que almacenan.

Centro de software de Ubuntu

Esta utilidade é unha das varias coas que se poden instalar programas (utilidades, paquetes) en GNU/Linux Ubuntu. A utilidade que traen os SmartPhones baséanse nesta filosofía.

Instalar un xestor de imaxes: Gimp

A continuación vaise instalar o famoso editor de imaxes Gimp. Equivale en MS Windows a Photoshop. Tamén hai versión de Gimp para MS Windows.

Instalar gParted

No proceso de instalación Ubuntu non instala o editor de particións. É o momento de instalo ...


Instalar programas por indicio do nome

En realidade para instalar non é preciso coñecer en que categoría se atopa o programa que se busca, con escribir no cadro de Busca na parte superior un indicio da aplicación que se desexa instalar xa sería suficiente.

  • Por exemplo, podemos buscar que programas temos para realizar unha captura de pantalla. Onde temos o programa ksnapshot que é moi potente.

Ubuntu Desktop Ed 2012 Escritorio 156A.jpeg

Paquetes restrinxidos de Ubuntu

  • Se no proceso de instalación non marcamos a opción de Instalar software de terceiros. Isto é, software privativo que Ubuntu non mantén é que non ten licencia libre pero que é moi usado como pode ser reproducir MP3, Flash, etc, pois non poderíamos reproducir, por exemplo, cancións en formato mp3. Na versión actual de Ubuntu si podemos reproducir contido Flash, pero o controlador que se instala por defecto non é o propio de Adobe.

Ubuntu Desktop Ed 2012 Escritorio 001.jpeg

  • Como dicíamos se non se marcou a opción de Instalar software de terceiros o aconsellable é instalar o paquete Extras restrinxidos de Ubuntu. Este paquete que é un metapaquete, isto é, realmente este paquete instala outro conxunto de paquetes que poderíamos ter instalado por separado.
  • A continuación imos instalar o paquete aínda que no proceso de instalación marcáramos a opción de instalar Software de terceiros.


Instalar Adobe Flash

Agora vaise comprobar se se dispón de FLASH MEDIA PLAYER de Adobe. Moitos sitios web usan esta tecnoloxía, e para poder velas é preciso ter instalado o reprodutor flash. Un exemplo desa páxina sería youtube.

Para facer as probas vaise usar a propia páxina de flash http://www.adobe.com/es/software/flash/about/. Pódese premer na páxina anterior ou en Google procurar pola frase "Tengo flash instalado" e premer no enlace de Adobe. Tamén se pode ir a calquera páxina con Flash como o pode ser Youtube.

Instalar os extras restrinxidos de Ubuntu

  • Imos proceder a instalar o paquete Extras restrinxidos de Ubuntu. Se non están instalados Codecs privativos como Flash de Adobe, mp3, avi, mpeg, etc ... vai proceder a instalalos.
  • Antes de proceder, pechar tódalas instancias de Firefox.

Instalar Java

  • Tal e como se viu no punto anterior, Ubuntu anuncia que co paquete dos Extras Restrinxidos de Ubuntu tamén se instala a Máquina Virtual de Java. A realidade é: na versión 11.10 si era certo, pero na versión 14.04 aínda que o metapaquete siga dicindo que instala Java, iso non é certo.
  • Na versión 14.04 imos instalar Java como calquera outro paquete.


Paquetes de educación

  • En Ubuntu hai moitos programas relacionados coa educación, dende preescolar ate á Universidade: ciencia, matemáticas, aprendizaxe de linguas, etc.
  • Ubuntu, por ter, ten unha distribución que se chama Edubuntu (http://www.edubuntu.org/) e que se pode baixar ao igual que se baixou o Ubuntu e instalar un ordenador con esa distribución do mesmo xeito que aquí se fixo. Esa distribución vén con tódolos paquetes educativos.

Fontes do software

Pero..., de onde saen tódolos programas anteriores e os que se verán?.


En GNU/Linux, a diferenza de MS Windows, o 98% dos programas están en repositorios (como xa se explicou ao comezo desta sección), que se poden configurar en GNU/Linux, Deste xeito, cando o usuario queira instalar un programa de contabilidade, por exemplo, non ten que andar por internet na procura do mesmo. Esta facilidade, sen darse conta, é algo moi potente e que marca unha gran diferenza con MS Windows. E é no que basean os SmartPhones/Tablets a súa xestión das aplicacións.


O usuario só ten que preocuparse de indicar que repositorios de programas usar, amén dos que xa veñen configurados por defecto, e de xeito automático todo canto estea almacenado nese repositorio é susceptible de ser instalado no GNU/Linux con só indicalo. Deste xeito, o usuario evita ter que andar navegando por internet na procura dun programa para cada cousa que desexa realizar.

Software dos socios de Canonical: Skype

  • Como xa sabemos Canonical é a empresa que desenvolve Ubuntu.
  • O software desta categoría (Socios de Canonical) caracterízase por ser privativo, aínda que con versións para Linux. Por defecto ese repositorio non está activado, como se viu no paso anterior.
  • Nesta ocasión imos instalar Skype. Skype non está accesible por defecto nos repositorios de Ubuntu. Imos instalalo a través do repositorio de Socios de Canónical, pero poderíamos descargalo da Web de Skype e facer dobre clic no arquivo descargado e instalalo.

Engadir un repositorio dun terceiro

  • Hai veces que as distribucións non teñen tódolos paquetes e hai usuarios ou empresas que desenvolven aplicacións e que nolas deixan en repositorios para poder ser instaladas.
  • Canonical ten un lugar para organizar eses paquetes que desenvolven usuarios e empresas: PPA: Personal Package Archives (https://launchpad.net/ubuntu/+ppas)
  • Estes repositorios almacénanse na plataforma de colaboración de software: Launchpad. https://launchpad.net/
  • O único que temos que facer é engadir o repositorio que nos interese á nosa lista de repositorios, actualizar o listado e instalar o que desexemos.
  • Nesta ocasión imos facer tódolos pasos en modo consola (Terminal), instalando o programa gub-customizer.


Cambiar o sistema operativo que se inicia por defecto: Grub-customizer

  • Este programa serve para cambiar o menú de inicio onde se escolle se iniciar Windows ou Ubuntu.
  • Aínda que o instalemos logo está nosa man se o usamos e se cambiamos a configuración dese menú.
  • O xestor de inicio do ordenador chámase Grub (GRand Unified Bootloader) (http://es.wikipedia.org/wiki/GNU_GRUB), este nome aparece no menú no que se escolle o sistema operativo no que desexamos iniciar o ordenador.
  • Hai casos nos que o usuario quere que o sistema que se inicie por defecto que non sexa Ubuntu.
  • Para iso vaise instalar un programa: Grub Customizer desenvolvido por Daniel Richter (https://launchpad.net/~danielrichter2007)
  • Este paquete non está nos repositorios oficiais de Ubuntu.
  • Neste caso imos aprender a engadir un repositorio dun terceiro, a actualizar o listado de repositorios do sistema e a instalar dende a consola. Todos estes pasos poderíamos facelo dende Software e actualizacións.

Xestionar o menú de inicio do sistema

  • A continuación imos ver como se pode modificar a orde do menú de inicio do sistema.
  • Isto pódese facer modificando un ficheiro á man, pero o risco que se corre manipulando ese ficheiro dun xeito manual é moi alto.
  • Imos usar esta aplicación para que manipule ela o ficheiro por nós.
  • É aconsellable andar como moito tento con esta aplicación, pois calquera cousa que se borre sen control, pode que non nos permita iniciar o sistema. Logo pódese reparar, pero é un pequeno engorro.
  • Cada quen pode configurar o menú como desexe.

Descargar e instalar aplicacións manualmente

  • Hai veces (un 2% das veces) que o que se desexa instalar non está nos repositorios que veñen por defecto configurados no sistema.
  • Neste caso pódese engadir un novo repositorio, como se fixo no caso anterior, ou
  • descargar o paquete (a ser posible *.deb) e instalalo manualmente. Ocuparemos agora deste último caso.
  • Ben, visto todo o anterior, déixase ao alumno que sexa quen de instalar unha aplicación de xeito manual, unha aplicación que non está no Centro de software. Haberá que descargar a aplicación nun paquete *.deb (de 32 bits ou 64 bits segundo corresponda) e instalala.
  • Seguro que alumno é que de instalar o navegador Google Chrome. Haberá que buscalo por Internet e ...
  • Unha vez instalado ir a Software e actualizacións na lapela Outro software e mirar se o proceso de instalación engadiu tamén un novo repositorio.

Desinstalar unha aplicación

  • Non todo vai ser instalar!!!
  • Pero nin que dicir ten que dende o Centro de Software hai que seleccionar a aplicación que se desexa desinstalar e premer no botón desinstalar.
  • Dá igual o modo en que se instalara a aplicación, sempre vai estar no Centro de Software para desinstalar.

Historial

  • No botón de historial pódese ver os paquetes que se foron instalado dende o comezo.

Ubuntu Desktop Ed 2012 Escritorio 282.jpeg

Caché de paquetes descargados

Cando descargamos un paquete para instalar un novo programa facendo uso do Centro de Software de Ubuntu vimos que en primeiro lugar procédese sempre á descarga dos paquetes necesarios para despois abordar a súa instalación. Pero, que pasa cos paquetes descargados despois da instalación do(s) programa(s)? Pois estes paquetes non se eliminan, senón que quedan almacenados nunha carpeta, ocupando espazo no disco, aínda que estes paquetes non son necesarios salvo que queiramos reinstalar o programa e aforrar a descarga dos paquetes. Vexamos onde están:


  • Para eliminar eses ficheiros, quen o desexe, pódese facer de varias maneiras. Vaise escoller a que xa se viu na parte III do curso cando se actualizou o sistema:
  • Executar sudo apt-get clean dende un terminal.
  • Esta operación non lle fai nada ao sistema, só libera espazo do disco ao borrar os paquetes que se tiveron que descargar para instalar as aplicacións, pero as aplicacións seguen instaladas.
  • Pódese comprobar o contido do cartafol anterior.

Listado de programas instalados

Cando se prepara unha instalación de un sistema operativo coas súas aplicacións para logo ser clonado nunha sala ou nun edificio, débese ter un lista de chequeo de tódalas aplicacións a instalar, as instaladas, para que son, parámetros de configuración etc.

En Ubuntu non vai ser menos. No ficheiro de abaixo están os programas que se instalaron, a modo de exemplo, na versión 7.10 de Ubuntu no IES San Clemente.

Media:Programas_Instalados_Ubuntu.zip


-- Antonio de Andrés Lema e Carlos Carrión Álvarez