Diferencia entre revisiones de «A xeraquía dos sistema de ficheiros de GNU/Linux»
(Sin diferencias)
|
Revisión actual del 13:40 16 mar 2015
GNU/Linux ao igual que MS Windows ten unha estrutura de carpetas que se crea cando se instala o sistema.
Comparativa MS Windows vs. GNU/Linux
Cando se instala un sistema operativo, este crea unha serie de carpetas e arquivos máis ou menos estándar para ese sistema operativo.
A imaxe amosa unha síntese da estrutura de directorio/carpetas en MS Windows en comparación con GNU/Linux.
A imaxe foi extraída deste blog.
A xerarquía de directorios
Nesta sección vaise dar unha breve introdución á Xerarquía do Sistema de Arquivos de GNU/Linux.
Esta outra imaxe, afonda máis na xerarquía de directorios de GNU/Linux.
Esta imaxe foi extraía de tuxpepino, onde tamén se da unha explicación de cada directorio.
A carpeta raíz /
A estrutura de directorios comeza no directorio raíz chamado /. Deste directorio colgan todos os demais.
O directorio /bin (Binarios)
Nel están moitos dos comandos que usa un usuario, por exemplo, mkdir, para crear directorios, mount, para montar particións, etc.
O directorio /boot (inicio)
Neste directorio atópase todo o necesario para iniciar o sistema
Dentro da carpeta /boot/grub están os ficheiros que controlan o arranque de múltiples sistemas operativos. Existen varias utilidades para facer isto, unha delas é Grub
O directorio /dev (Device, Dispositivos)
Os dispositivos (Discos, rato, teclado, impresora, USB, etc, etc.) en GNU/Linux está asociados e accesibles a través dun ficheiro. Eses ficheiros están en /dev.
Observar o disco interno do ordenador que está asociado ó ficheiro /dev/sda e cada partición está asociada a sdaX.
O directorio /etc (etcétera)
Contén os arquivos de configuración do sistema: lembrar fstab, etc.
O directorio /home (casa, fogar)
Contén a carpeta de cada usuario que se dea de alta no sistema.
Lembrar que /home neste caso está montado sobre unha partición con formato ext4.
O directorio /lib (librarías)
Cando se instalan programas, moitas das veces hai que instalar tamén outros paquetes que son necesarios para que estes programas funcionen correctamente (a isto chámaselle dependencias). Eses paquetes son librarías, que son anacos de código usados por moitos programas.
Nas versións de 64 bits tamén aparecerá a carpeta /lib64 para almacenar as librarías de 64 bits.
O directorio /lost+found (perdido e encontrado)
Esta carpeta está en toda partición ext3 ou ext4. Cando se apaga mal o sistema, por exemplo, é probable que se teñan problemas cos arquivos que estaban abertos nese momento. Neses casos, é moi probable que se comprobe a partición ao iniciar o sistema. Na carpeta lost+found estará a información que se gardou mal e que a utilidade de comprobación tratará de recompoñer. Por defecto só ten acceso para o usuario root, e está oculta no navegador de ficheiros.
O directorio /media (medios)
Conterá os puntos de montaxe ás unidades extraíbles. Aquí podemos ver a carpeta win-linux que se usa para a montaxe da partición de intercambio de datos e unha carpeta por cada usuario do sistema que teña montado algunha vez un dispositivo extraíble, xa que Ubuntu monta eses dispositivos en carpetas dentro dunha carpeta co nome do usuario dentro de /media:
O directorio /mnt (montaxes)
Onde se montaban antigamente as unidades, xeralmente montadas de xeito manual.
O directorio /opt (opcional)
Para gardar paquetes adicionais das aplicacións.
O directorio /proc (procesos)
Entre outras cousas, contén arquivos de texto que indican como está cada proceso que se está executando no sistema.
O directorio /root (carpeta do superusuario)
É a carpeta home do usuario root. Por defecto tamén só pode entrar o usuario root.
O directorio /sbin (superusuario binarios)
Contén comandos de uso exclusivo do superusuario ou de quen teña perfil de administración (ollo, nese caso hai que executalos co comando sudo).
Por exemplo, o comando ifconfig serve para configurar as tarxetas de rede.
O directorio /srv (servizos)
Onde se almacenará información sobre servizos que ofreza o equipo (FTP, web, etc).
O directorio /sys (sistema)
Información sobre os dispositivos para o núcleo ou kernel de Linux.
O directorio /tmp (temporal)
Onde se almacenará información temporal, cada vez que se inicia o sistema elimínase esa información.
O directorio /usr (usuario)
Contén case todas as utilidade e aplicacións de usuario, documentación sobre as aplicacións, etc.
O directorio /var (variables)
Contén arquivos como os logs (rexistros do que se fai no sistema), caché de arquivos, etc.