Diferencia entre revisiones de «Curso POO PHP Operacións con ficheiros»

De Manuais Informática - IES San Clemente.
Ir a la navegación Ir a la búsqueda
 
(Sin diferencias)

Revisión actual del 12:39 23 oct 2013

Operacións con ficheiros

Coa distribución de PHP inclúense extensións que permiten traballar directamente co sistema de arquivos:

  • Sistema de Ficheiros forma parte do núcleo de PHP, e inclúe funcións para ler, escribir, copiar, borrar, renomear, etc., ficheiros do sistema.
  • Directorios tamén forma parte do núcleo de PHP, e como o seu nome indica permite traballar cos directorios do sistema de ficheiros.
  • Fileinfo inclúese por defecto coa distribución de PHP a partir da versión 5.3, aínda que debe ser activada no ficheiro de configuración php.ini. Inclúe funcións para descubrir o contido dos ficheiros.

Sistema de ficheiros

Dentro desta extensión inclúense un bo número de funcións. Entre outras, son moi empregadas basename, que dada unha ruta obtén o nome do arquivo ao que fai referencia (ou do último directorio se a ruta non inclúe arquivo), e dirname, que opera xusto ao contrario devolvendo a ruta que se lle pasa sen o arquivo (ou o directorio pai no caso de que a ruta orixinal non incluira arquivo). Por exemplo:

echo basename('/var/www/blog/web/index.php');  // Amosa index.php
echo basename('/var/www/blog/web/') . PHP_EOL;  // Amosa web
echo dirname('/var/www/blog/web/index.php') . PHP_EOL;  // Amosa /var/www/blog/web
echo dirname('/var/www/blog/web/') . PHP_EOL;  // Amosa /var/www/blog

A forma máis sinxela de ler o contido dun ficheiro dende PHP é empregando a función file_get_contents, que pasa o contido do ficheiro a unha cadea, ou a función file, que pasa o contido do ficheiro a un array (cada liña do ficheiro pasa a ser un elemento do array).

$fich = file_get_contents("proba.txt");
if($fich === false) die("ERRO! Non se puido encontrar o ficheiro.");

Calquera das dúas funcións admiten como parámetros ficheiros remotos empregando os protocolos HTTP ou FTP.

$fich = file_get_contents("http://www.google.es");
if($fich === false) die("ERRO! Non se puido encontrar a páxina.");

Igualmente, para escribir un ficheiro a forma máis sinxela é empregar a función file_put_contents, que pasa o contido dunha cadea a un ficheiro.

$fich = file_put_contents("proba.txt", "Contido a escribir no ficheiro");
if($fich === false) die("ERRO! Non se puido crear o ficheiro.");

Outro xeito de ler e escribir o contido dun ficheiro é empregar as funcións herdadas da linguaxe C, entre outras: fopen, fread, fwrite, fgets, fputs, fseek, feof e fclose. Por exemplo:

$fich = fopen("proba.txt", "r");
if($fich === false) die("ERRO! Non se puido ler o ficheiro.");

while(!feof($fich)) {
  $line = fgets($fich);
  echo $line;
}

Directorios

A extensión Directorios é semellante á anterior, pero centrándose no traballo cos directorios e o seu contido. Inclúe unha serie de funcións que poden funcionar de dous xeitos:

  • Empregando variables de tipo resource para facer referencia a un directorio. Cando se abre un directorio empregando a función opendir, obtense unha variable que se pode empregar posteriormente nos accesos a ese mesmo directorio. Deste xeito podemos ter varios directorios abertos ao mesmo tempo, cadanseu coa sus propia variable.
Se non precisamos traballar con varios directorios de forma simultánea, podemos obviar a variable devolta por opendir. As posteriores chamadas as outras funcións como readdir ou closedir actuarán sobre o recurso aberto na última chamada a opendir.
if (opendir('.') !== false) {
    while (($item = readdir()) !== false) {
        echo $item . '<br />';
    }
    closedir();
}
  • Abrendo o directorio coa función dir e empregando posteriormente as propiedades e os métodos do obxecto da clase Directory devolto.
if (($d = dir('.')) !== false) {
    while (($item = $d->read()) !== false) {
        echo $item . '<br />';
    }
    $d->close();
}

Iteradores do sistema de ficheiros

A partir da versión 5 de PHP inclúese coa distribución a biblioteca estándar (SPL), que está formada por un conxunto de clases e interfaces de uso común. Entre eles temos a clase iterador DirectoryIterator, que permite percorrer de forma sinxela os obxectos do sistema de ficheiros. Por exemplo, para listar os ficheiros e directorios na ruta na que se atopa o script, poderías facer:

foreach (new DirectoryIterator('.') as $fich) {
    if($fich->isDot()) continue;
    echo $fich->getFilename() . "<br>\n";
}

A partires de PHP5.3 inclúese tamén o iterador FilesystemIterator, que herda de DirectoryIterator extendendo a súa funcionalidade.


--Víctor Lourido 16:08 15 jul 2013 (CEST)