Ficheiros de configuración de VirtualBox
VirtualBox mantén a configuración particular para cada usuario no sistema host nun ficheiro en formato XML que almacena a listaxe de máquinas rexistradas, personalización da interface e outros parámetros de funcionamento. É moi importante ter en conta que este ficheiro, que leva de nome VirtualBox.xml é diferente para cada usuario e polo tanto cada un poderá ter unha lista de máquinas diferente sobre un mesmo equipo host.
O ficheiro VirtualBox.xml almacénase dentro dunha carpeta oculta co nome .VirtualBox que se atopa dentro da carpeta persoal do usuario. A partir da versión 4.3, nos sistemas Linux esta carpeta foi movida a .config/VirtualBox; aínda que se se actualiza á versión 4.3 dunha versión anterior, mantense a mesma carpeta.
Por outro lado, cada máquina almacenarase nunha carpeta diferente (que podemos establecer na creación da máquina), na que se almacenan:
- O ficheiro XML que define as características da máquina.
- Os ficheiros cos discos virtuais da máquina (aínda que non necesariamente teñen que estar na mesma carpeta que da máquina, é a súa ubicación por defecto).
- A carpeta coas instantáneas da máquina.
- A carpeta cos ficheiros de rexistro da máquina.
E dentro dela o ficheiro VirtualBox.xml que almacena a configuración de VirtualBox para este usuario. Fixarse en que tamén hai un ficheiro co nome VirtualBox.xml-prev. Este ficheiro é unha copia do ficheiro VirtualBox.xml que VirtualBox fai de forma automática para usar en caso de que este se corrompa. Pola nosa experiencia nas aulas, isto ocorre con certa frecuencia, así que nestes casos o que podemos facer para recuperar as máquinas que tiñamos definidas é restaurar o ficheiro VirtualBox.xml a partir deste ficheiro de copia. En todo caso, a perda destes ficheiros non supón a perda das máquinas, xa que tamén podemos agregalas de novo no peor dos casos.
Vista dos elementos que atopamos dentro da carpeta dunha MV. Fixarse que a súa ubicación non ten nada que ver co ficheiro de configuración de VirtualBox para o usuario, e téñase en conta que unha mesma máquina pode ser rexistrada por diferentes usuarios. Fixarse tamén que VirtualBox tamén fai unha copia do ficheiro de definición da MV (con extensión .vbox) nun ficheiro con extensión .vbox-prev.