Instalación

De Manuais Informática - IES San Clemente.
Ir a la navegación Ir a la búsqueda

Que é un ERP

Un ERP (Enterprise Resource Planning) é un software que permite a integración de datos e procesos dunha organización nun único sistema informático. Normalmente están formados por varios módulos que posibilitan esta integración que utilizan unha única base de datos.

Vantaxes dos sistemas de xestión e planificación de recursos empresariais

As principais vantaxes derivadas de usar un ERP como sistema de información da empresa son:

  • Eliminan a necesidade de sincronizar cambios entre múltiples sistemas. Por exemplo, se temos que cambiar o IVE no módulo relacionado coas ventas o impacto é inmediato dentro dos outros módulos do ERP, por exemplo, no departamento de contabilidade.
  • Facilitan o uso dunha nomenclatura estándar para referenciar os produtos.
  • Proporcionan unha visión global do sistema que facilita a toma de decisións estratéxicas.
  • Unifican o sistema de seguridade dos datos permitindo unha mellor xestión.

Entre as posibles desvantaxes do seu uso atopamos as seguintes:

  • A personalización adoita ser complicada.
  • O ERP pode custar máis que outras solucións illadas, tanto o propio software de ERP como as súas actualizacións e modificacións.
  • A reenxeñería dos procesos de negocio para que se axusten ao ERP pode ser complexa.
  • Incrementan o poder de negociación do vendedor fronte ao cliente.
  • Require un esforzo de formación, sendo a integración co persoal humano un dos elementos críticos para lograr o éxito na súa implantación.

Características das aplicacións de xestión empresarial

Erp-modules.jpg

Os ERP están estruturados en módulos que se corresponden con áreas funcionais da empresa. Entre os módulos máis comúns nun ERP atópanse os de control de inventario, compras de material, finanzas e contabilidade, distribución de produtos, seguimento (tracking) de pedidos, planificación de produtos, e recursos humanos. Cada empresa implantará os módulos do ERP que lle conveñan dependendo das características do seu negocio.

  • Módulo de finanzas e contabilidade. É o corazón de calquera ERP. Recibe información financeira de distintos departamentos e xera informes económicos e contables.
  • Módulo de recursos humanos. Este é outro dos módulos máis usados nos ERP e axiliza a xestión dos recursos humanos. Mantén unha base de datos dos empregados, incluíndo información de contacto, salarios, produtividade, promoción dos mesmos, etc.
  • Módulo de produción. Permite mellorar a planificación da produción (materiais necesarios, capacidade propia, etc.), baseándose en datos históricos e predicións de ventas.
  • Módulo de compras. Mediante este módulo axilízase a adquisición dos materiais necesarios para o noso negocio. Facilita a identificación de potenciais provedores mellorando a negociación de prezos, a realización do pedido ao provedor e o proceso de facturación. Está ben integrado cos módulos de control de inventario e o módulo de produción.
  • Módulo de inventario. Facilita o proceso de mantemento do nivel apropiado de stock no almacén. Está integrado co módulo de ventas, compras e finanzas permitindo a xeración de informes para a toma de decisións na dirección.
  • Módulo de ventas e marketing. Realiza a función de recepción de pedidos, distribución e facturación. Está normalmente integrado cos sitios web da empresa. O módulo de marketing intégrase normalmente cun CRM (Customer Relationship Management) mellorando a relación cos clientes, por exemplo, mediante o envío de correo con promocións ou con outras técnicas de marketing.

Instalación dun ERP

A implantación dun ERP vai máis alá da súa simple instalación e pode levar meses (incluso anos) e moitos recursos económicos.

A instalación dependerá do aplicativo concreto, existindo versións web dalgúns ERP.